Usuarias fican sen billetes entre a Galiza e Madrid tras esperar 15 minutos na páxina de Renfe

Detalle da cola virtual de Renfe (Foto: Europa Press).
Os erros na páxina xa foron solventados e os billetes ofertados a 25 euros xa están dispoñíbeis.

As usuarias tiveron que esperar durante varios minutos na mañá desta segunda feira nunha cola virtual para poder acceder á web de Renfe e comprar billetes de tren a 25 euros para viaxar entre a Galiza e Madrid o próximo mes de abril.

Todo iso debido a que o operador ferroviario puña á venda as prazas ofertadas a ese prezo, despois de coñecerse hai semanas un novo atraso dos trens Avril, que permitirían a chegada da alta velocidade a outras cidades galegas como Vigo, Santiago, A Coruña e Pontevedra, xa que na actualidade a alta velocidade (AVE) só está dispoñíbel até Ourense.

Con todo, durante toda a mañá, a páxina web da compañía tivo problemas para soportar a alta demanda das viaxeiras, rexistrándose varios erros e colas de máis de 15 minutos de espera para despois non permitir comprar o billete.

A esta hora, Renfe xa permite adquirir asentos por 25 euros desde as distintas cidades da Galiza até Madrid entre o 1 de abril e o 6 de maio a 25 euros, con 2.000 prazas cada semana a ese prezo. Segundo explicou o Goberno estatal, os billetes de Renfe deberanse adquirir cunha antelación mínima de 10 días con relación á data de viaxe.

Este anuncio chegou unha semana despois de coñecerse un novo atraso na posta en marcha dos trens Avril, que aínda non teñen data de entrega, o que pospón a chegada da alta velocidade ao resto da Galiza.

Estas máquinas, de rodadura desprazábel, adaptaranse ás vías galegas para poder circular por todas elas e así permitir a chegada do AVE a Vigo, Compostela ou A Coruña. Tras saberse que non estarían dispoñíbeis en marzo, o Ministerio indicou que lanzaría unha oferta comercial no corredor Galiza-Madrid, que agora xa está dispoñíbel.