As usuarias do Plan de Transporte Metropolitano da Galiza aumentaron 8,1% en 2019

Usuarias viaxan en autobús.
O Plan de Transporte Metropolitano da Galiza incrementou o número de usuarias máis de 8%, até superar os 16 millóns de viaxes ao longo do ano pasado.

O Plan de Transporte Metropolitano da Galiza incrementou as súas usuarias en 2019. Creceu 8,1% respecto ao ano anterior. En total, o ano pasado realizáronse máis de 16,1 millóns de viaxes bonificadas con un orzamento de 11,03 millóns de euros para as pasaxeiras das áreas da Coruña, Vigo, Santiago, Ferrol e Lugo.

Segundo explica a Xunta nun comunicado, esta medida "redundou directamente en beneficio das usuarias" das liñas de autobús metropolitanas e segue "fidelizando e sumando viaxeiras" ano tras ano.

A área da Coruña foi a que máis desprazamentos rexistrou ao cabo de 2019, con máis de 7,02 millóns de viaxes; seguida da de Vigo, con 3,25 millóns; Santiago, con 3,05 millóns de desprazamentos e Ferrol, con 2,65 millóns. Lugo contabilizou máis de 124.000 viaxes.

Xente Nova

Este plan, que regula o transporte público colectivo, integra todas as usuarias que contan con tarxetas de transporte metropolitano e o cartón Xente Nova, que lle permite á mocidade de até 21 anos, realizar gratis todas as viaxes interurbanas.

Neste sentido, A Coruña é a área con más tarxetas de transporte expedidas, cun total de 144.087 activas. En Ferrol contabilízanse 66.721; en Santiago, 65.421; en Vigo superan as 62.407 e en Lugo, as 6.600.

Pola súa banda, o recurso 'Xente Nova' conta con máis de 56.900 tarxetas activas en todo o territorio galego. En conxunto, en 2019, supuxeron máis de 1,8 millóns de viaxes nas diferentes áreas metropolitanas da Galiza.