Oito meses para recibir a contía completa da axuda

Usuarias da Tarxeta Benvida denuncian atrasos nos pagos

As familias poden recibir até 2.400 euros no primeiro ano do bebé. (Foto: LIGHTFIELD STUDIOS)
Persoas beneficiarias desta axuda denuncian atrasos  no pagamento. É o caso dunha familia de Arbo, na comarca da Paradanta, que afirma a este diario que, cinco meses despois de nacer a súa filla, aínda non recibiron o importe íntegro da axuda na súa tarxeta moedeiro.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou onte a orde que regula a concesión da Tarxeta Benvida para as crianzas nadas este 2023 e que contará cun investimento de 31,5 millóns de euros. Segundo sinala a orde, con carácter xeral, a axuda que reciben as familias ascende, durante o primeiro ano de vida da filla ou do fillo, a 1.200 euros. Esta cantidade duplícase no caso das familias numerosas e increméntase até 1.500 para as familias que viven en concellos de 5.000 habitantes ou menos.

Porén, persoas beneficiarias desta axuda denuncian atrasos  no pagamento. É o caso dunha familia de Arbo, na comarca da Paradanta, que afirma que, cinco meses despois de nacer a súa filla, aínda non recibiron o importe íntegro da axuda na súa tarxeta moedeiro.

"A Xunta da Galiza non fai un único pagamento por bebé, senón que divide a contía por anos naturais", afirma a familia a este xornal. Así, unha crianza que naceu en agosto de 2022 e á que lle corresponden 1.500 euros da Tarxeta Benvida, recibiu 625 euros no momento do seu nacemento, e non recibirá, segundo lles indica a Administración, os 875 euros restantes até abril, mes no que se actualizan as Tarxetas Benvida de 2023. 

Isto é, oito meses despois do nacemento do bebé as familias aínda non recibiron a cantidade íntegra da axuda. "Esta información era nova para nós. Na documentación que acompaña a concesión da axuda non especificaba que o ingreso fose ser en abril", engaden familias afectadas. De feito, tampouco na propia orde publicada no DOG se especifica que o pagamento correspondente ao segundo ano natural de vida das crianzas se vaia facer en abril. 

As familias que están a sufrir os atrasos nas recargas da tarxeta moedeiro din non entender os motivos e explican que o fraccionamento da axuda é "contraproducente, pois cando máis cartos se gastan é ao comezo" da vida das crianzas, coa adquisición, por exemplo, do carriño, dos primeiros cueiros, ou de vacinas que non están  sufragadas pola Xunta.