Usuarias da sanidade pública denuncian a demora do Sergas na atención hospitalaria

Raquel Abraira sinala esperas de até un ano no HULA despois da Covid.
Paciente e usuarias da sanidade pública denuncian as demoras e o abandono do Sergas no marco do plan de reactivación da asistencia hospitalaria após a fin do confinamento. A paralización da atención especializada durante semanas suspendeu probas e tratamentos que agora acumulan até un ano de demora.

Pacientes e usuarias da sanidade pública poñen en dúbida a eficacia do plan de reactivación da asistencia hospitalaria que a Xunta da Galiza puxo en marcha coincidindo coa fin do confinamento. "O que pretende, teoricamente, é restabelecer a prestación de servizos sanitarios -consultas, probas diagnósticas e cirurxías- que estaban previamente programadas", sinala Fernando Abraldes, presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. "O que ocorre é que o incremento da demanda é moi superior" debido á paralización provocada pola Covid-19, "e o plan de Sanidade non recolle nin os medios humanos nin materias necesarios para atender as citas acumuladas pendentes nin as novas solicitudes".

Lonxe de reducir as demoras, o que fai o Sergas é aumentar os atrasos mais agravar a saúde das doentes.

A falta de coñecer os tempos de agarda acumulados durante os seis primeiros meses do ano, que o Sergas xa tería que ter divulgado no mes de xullo, Abraldes asegura que, a estas alturas, "as listas de espera deben dobrar xa as do ano anterior", porque lonxe de reducir as demoras, o que fan é aumentar os atrasos mais agravar a saúde das doentes.

Dous anos de espera

Raquel Abraira é usuaria do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo desde hai catro anos. "Comecei cunha tendinite nun cóbado que me levou do médico de cabeceira ao servizo de Rehabilitación do HULA. O proceso de recuperación foi longo. De feito, polo camiño diagnosticáronme un problema nos ombreiros que arrastro desde hai máis dun ano". 

En xullo do ano pasado, a petición da súa rehabilitadora, Abraira solicitou unha cita en Traumatoloxía. "A miña médica deume un volante urxente para obter unha segunda opinión que lle permitise afinar o diagnóstico e o tratamento máis conveniente para o meu caso. Déronme cita para maio deste ano e malia as miñas reclamacións, xustificadas con informes médicos que avalaban unha deterioración física agravada por unha dor insoportábel, non mudaron de parecer".

Ao igual que fixo con outras moitas consultas hospitalarias con profesionais da medicina especializada durante a pandemia, o Sergas suspendeu a cita de Raquel Abraira en Traumatoloxía do HULA do 4 de maio. "Mais non cancelou a que tiña prevista para o mesmo día en Rehabilitación". Como non volveu saber nada desa consulta pendente, en xullo púxose en contacto co servizo de Atención ao Paciente do hospital, "e dixéronme que estaban reprogramando as citas adiadas pola Covid-19 para o ano que vén, o que me levou, de novo, a reclamar unha atención urxente, porque comecei tomando un analxésico corrente e estou no estadio anterior ao uso da morfina líquida, á espera de ver se me envían á unidade de dor".

Abandono e demoras

As reclamacións deron resultado e Abraia logrou adiantar a súa visita a Traumatoloxía. "A médica que atendeu viu o meu historial e determinou a solicitude de tres probas antes de recorrer á cirurxía: un lavado tendinoso, unha resonancia magnética de cervicais e unhas placas dos ombreiros. Saíndo hospital sen cita ningunha. Días máis tarde chegoume unha carta na que me convocan para dentro dun ano para dúas citas, mais ignoraban a resonancia magnética, o que me obrigou de novo a recorrer a Atención ao Paciente".

Raquel Abraira censura o desentendemento dun servizo fundamental en tempos de coronavirus, atención telefónica e telemática. "Nin me souberon dicir se estaba ou non nunha lista de espera nin se ofreceron a tramitar as solicitudes necesarias para activar a miña demanda e tiven que ser eu quen  movese de novo o volante para poder facer unha resonancia magnética que no servizo de Traumatoloxía do HULA acumula ano e medio de espera", denuncia.

O desleixo que Abraira sinala arredor do servizo de Traumatoloxía do hospital de Lugo xa o denunciaron antes outros pacientes, usuarios, por exemplo dos servizos de oncoloxía, cuxos tratamentos se paralizaron ou se adiaron por mor da Covid-19.

"Os medios dispoñíbeis son inferiores aos que había antes do coronavirus porque o Sergas obriga a reservar recursos para estes casos", afirma Fernando Abraldes, quen asegura que o "drama humano e sanitario" excede as mortes e as infeccións por coronavirus.

Case dous meses de atraso na difusión das listas de espera

O Sergas acumula case dous meses de atraso na publicación das listas de agarda que indican os tempos de espera para probas diagnósticas, consultas de medicina especializada e cirurxías no sistema público de saúde; as primeiras afectadas pola pandemia de coronovarius que durante a primeira onda de contaxios paralizou o funcionamento habitual tanto dos servizos hospitalarios como de Atención Primaria.

En 2015 a Xunta deixou de publicar as cifras de agarda cada tres meses e pasou a informar das esperas sanitarias cada semestre, en xaneiro e en xullo. Aí, os últimos datos oficiais son de primeiros de ano. A 31 de decembro de 2019, os tempos medios de espera na Galiza eran de 41,5 para as primeiras consultas, de 65,5 para as probas diagnósticas e de 54,5 días para as intervencións cirúrxicas.