Denuncian o deterioro do servizo

Usuarias acusan Renfe de “intentar expulsalas” para “afundir” a liña Ferrol Ribadeo

Imaxe do comboio que vai de Ferrol a Ribadeo. Foto: cedida.
Renfe está a deixar caer o tren da liña Ferrol Ribadeo. “Atopamos coa súa teima en afundila, coa franca intencionalidade de intentar expulsar as usuarias dos servizos”, entende plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol Ribadeo nun duro comunicado en que ademais prevén “unha drástica redución ou eliminación” da liña.

O colectivo cualifica de “total esquecemento e deixadez” a situación do mencionado camiño de ferro, e expón algúns dos sucesos acontecidos no mesmo durante o verán. A supresión de varios servizos diarios, retrasos por falta de mantemento ou a asignación de vagóns de 30 prazas cando na tempada estival as viaxeiras non adoitan baixar de 30, 40 ocupantes son algúns.

A plataforma explica un exemplo concreto dese abandono que denuncia: a unidade 2426-2476, da base de Ferrol, desencarrilou en Asturies e “permaneceu apartada nunha estación sen vixilancia nin persoal en lugar de ser trasladada a unha base de mantemento, o que facilitou o vandalismo. O tren quedou en estado deplorábel”.

Ademais tamén critica que, de xeito continuado, os servizos ferroviarios carecen de interventor. En ocasións son substituídos por transportes alternativos por estrada e, por veces, estas alternativas non tiñan espazo para todas as usuarias.

Defende o Tren Ferrol-Ribadeo inclúe no comunicado unha táboa de demandas, entre as que inclúen a reforma de todas as unidades, “un dos problemas fundamentais do funcionamento da liña”; mellorar a adquisición de recambios; ou dotar todos os servizos de interventor en ruta.

“Só algúns dos concellos que atravesa a liña tiveron a ben recoller as queixas das usuarias e defendelas. Necesítase con urxencia solucións a estes tremendos problemas, que hipotecan o presente e futuro deste servizo esencial e auténtico dinamizador do turismo”, remata o texto da plataforma.