O DíA QUE FEIJóO E PASTOR PRESUMEN DE SERVIZO FERROVIARIO

Usuari@s da liña Vigo-A Coruña critican as frecuencias do ‘eixo atlántico’ por non ser axeitadas

Máis de 500 sinaturas apoian un escrito remitido a Renfe e no que lle solicitan que atendan as demandas das e dos viaxeiros, que aumentaron, din, un 200% nestes anos.

 

No día no que o presidente Feijóo, a ministra Ana Pastor e un amplo elenco de autoridades percorrían os 155 quilómetros de ‘eixo atlántico’ entre A Coruña e Vigo para publicitar as vantaxes desta liña de tren e presumir que en menos de 80 minutos unía ambas as dúas cidades; un grupo de usuari@s desa liña denunciaba que as novas frecuencias ‘’dan as costas’’ ás necesidades d@s viaxeir@s.

Luisa Diéguez, da plataforma de usuari@s xurdida hai 11 anos, lamenta nun escrito que Renfe non se preocupe por adecuar os horarios ás necesidades, “negándose a reforzar as horas punta e facer cambios atendendo exclusivamente aos intereses comerciais da compañía”, afirma. Con esa actitude, di Diéguez, “dilúese e o verdadeiro sentido de servizo público que debería primar nestes casos”.

A infraestrutura, “con novos trazados e vías, chega tarde e como mal engadido a compañía non ten trens suficientes para atender unha demanda de frecuencias acorde coas necesidades dos cidadáns”, manifestan desde o colectivo. Afirman que coas novas vías, "gañaranse algúns minutos nos traxectos porque a infraestrutura ofrece outras prestacións canto a velocidade e seguridade, pero seguimos co mesmo número de trens diarios, o que implica unha clara infrautilización das vantaxes dos novos trazados. Repítense as taras deste país, aeroportos sen avión, portos sen barcos e estacións ou vías sen trens”.

"Non ten sentido"

E o problema aumenta, sostén Luisa Diéguez, porque os horarios axústanse “moi mal” ás necesidades do mundo laboral. “ Non ten sentido que nos ofrezan un tren que chegue ás 9:00 horas á Coruña cando esa é xustamente a hora de entrar nos traballos, e así moitos máis casos, tanto na ida coma na volta.”

Tamén se queixan de que os novos horarios e frecuencias entrarán en vigor na primeira quincena do vindeiro mes mais a estas alturas Renfe non comunicou aínda a previsións de horarios e frecuencias.

“Unha vez máis os galegos debemos aportar con impostos de primeira para ser cidadáns de terceira. Mentres todo isto ocorre, a administración segue subvencionando a Renfe cos nosos cartos para atender o seu interese comercial”, aseguran.

O día 27 de marzo , a representante Luísa Diéguez, presentou un documento con arredor de 500 sinaturas nas oficinas da compañía ferroviaria na Coruña. No escrito pídenlle a Renfe transparencia, información e horarios con suficientes frecuencias de trens “que atendan as demandas dun público que nos últimos anos aumentou un dous centos por cen”, aseguran os afectados.