USC, UDC e UVigo únense polo futuro das matemáticas

Aula da USC. (Foto: Arxina)
O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática da Galiza (Citmaga) deu a coñecer a folla de ruta deste acordo asinado polas tres universidades galegas.

O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática da Galiza (Citmaga), impulsado polas tres universidades galegas, deu a coñecer onte a que será a súa folla de ruta para "traballar polo futuro das matemáticas da Galiza".

Nace o novo centro de investigación

O Citmaga bota a andar coa vontade de integrar as capacidades científicas do ámbito da matemática, partillando visión e estratexia e cunha clara aposta pola transferencia de coñecemento. Procuran fomentar unha cultura colaborativa que consiga a excelencia na investigación, a innovación e a formación.

"A axenda conta con catro áreas de investigación e transferencia, tres delas orientadas a retos globais (sociedade dixital, vida e sustentabilidade e competitividade industrial) e unha área de ciencia e coñecemento que realmente é transversal a todas as demais", manifestou a directora científica en representación do Citmaga.

Presenza das tres universidades

Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), puxo o foco na sinerxía que supón esta aposta conxunta das tres institucións e destaca que esta colaboración "axuda a facer país".

Pola súa parte, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo (UVigo),  salientou que "este vai ser un centro de referencia, hai vimbios, e se somos quen de colaborar, vai ser bo para todo o país". Ademais indicou que a UVigo se sumou "con entusiasmo".

Finalmente, o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Xulio Abalde, mostrouse satisfeito co pacto: "As tres universidades fomos capaces de poñernos de acordo nun campo fundamental para calquera país moderno".