A USC principia unha investigación interna para identificar responsabilidades pola perda das bolsas Ramón e Cajal
A reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa Crujeiras, informou que o obxectivo desta investigación é "esclarecer os feitos" para evitar que esta situación volva producirse.
A reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa Crujeiras, informou esta segunda feira que o día 4 de maio principiouse unha investigación interna para identificar responsabilidades "e adoptar as medidas oportunas" pola perda das bolsas Ramón e Cajal por un erro da propia universidade. Cabe lembrar que o Consello de Goberno da USC aprobou a convocatoria de oferta de prazas a finais de novembro, pero non se completou a solicitude.
Neste contexto, a reitora fixo público no primeiro Claustro da USC desde o seu nomeamento —realizado esta segunda feira en Santiago— que o obxectivo desta investigación é "esclarecer os feitos" para evitar que esta situación volva producirse.
"Agora hai que esperar as conclusións desta investigación, que xa está en curso", aseverou Crujeiras, á vez que avanzou que a USC está á busca de solucións para os investigadores e investigadoras que se verán afectados pola perda destes contratos.
Finalmente, a reitora lamentou o "custo reputacional" que pode ter a perda destes contratos para a institución, unha cuestión que ve "difícil de arranxar". Por iso, avanzou que a USC traballa para tratar de explorar algunha posibilidade que facilite a incorporación de persoal deste perfil.
Con todo, hai que lembrar que a universidade compostelá incorporou na última edición a 18 investigadores a través destes contratos, de feito, convertíase así na segunda universidade do Estado en captación de contratos Ramón e Cajal.