A USC, primeira universidade da Galiza en incubación de spin-offs

Presentación do informe ‘O ecosistema de spin-offs deep tech en España 2025', esta terza feira en Compostela. (Foto: Santi Alvite)
34 compañías xurdidas no seo da institución académica e 150 empregos.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é a primeira universidade da Galiza e a cuarta do Estado español en incubación de spin-offs, con 34 compañías que xeran uns 150 empregos de alto valor e unha facturación anual duns 10 millóns de euros. No conxunto das tres universidades galegas, o número de spin-offs activas ascende a 48, o que supón 5,2% do total estatal.

Por sectores de actividade, estas compañías xurdidas das universidades e dos centros de investigación da Galiza están especializadas en ámbitos como Biotecnoloxía, TIC, Enerxía e Recursos. Así se pon de manifesto no informe O ecosistema de spin-offs deep tech en España 2025 , elaborado por Mobile World Capital Barcelona (MWCapital) e presentado esta segunda feira en Santiago pola USC. A sesión inaugurouna Luis Otero, delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento da USC, quen subliñou a posición "excepcional" da USC no ecosistema de innovación e transferencia de coñecemento no Estado español, facendo que "Santiago, e Galiza en xeral, emerxa como unha contorna idónea para acoller a presentación do informe da MWCapital, non só polo peso obxectivo da USC na creación de empresas deep tech, senón tamén pola súa capacidade para articular ciencia, talento, institucións públicas e tecido produtivo galego, proxectando Galiza como un nodo relevante dentro da rede de innovación española".

Asemade, destacou a carteira de participadas da USC, con máis de 30 empresas baseadas no coñecemento. "Esta capacidade de impulsar a actividade empresarial baseada na ciencia debe ser tida moi en conta no deseño das políticas de desenvolvemento local e rexional", dixo.