A USC fai protagonista a lingua galega no Mes das Matemáticas

Mural de Ana Freire no CEIP Tomás de Villarroya. (Foto: Nós Diario)
A Universidade de Santiago ofertará 4.754 prazas

A facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu onte a presentación do novo modelo da calculadora ClassWiz que, por primeira vez, inclúe o galego entre as súas opcións de configuración. Este acto estivo enmarcado na programación que o centro impulsou, ao longo do mes de marzo, pola conmemoración do Mes das Matemáticas.

A xornada de onte, a modo de clausura, serviu para dar a coñecer este novo modelo, desenvolto desde a División Educativa Casio, deseñado por e para docentes, e que atende ás melloras solicitadas polas persoas usuarias, ofrecendo unha calculadora científica máis intuitiva e sostíbel.

O acto tamén serviu para anunciar a incorporación da imaxe da galega Ana Freire, líder do Proxecto STOP (Suicide Prevention in Social Platforms), á colección de calculadoras  #científicasCASIO, da que forman parte grandes nomes da historia como Ada Lovelace ou Marie Curie. Desta forma, o novo modelo Class Wizz xa está dispoñíbel tamén coa ilustración da enxeñeira lucense, obra da artista galega Lula Goce.

Esta colección, realizada en colaboración con 13 ilustradoras que decoraron as calculadoras ClassWiz coa imaxe de distintas científicas, pretende ser unha homenaxe ao significativo traballo feminino nesta campo. Así o explicou a decana da facultade, Elena Vázquez Cendón. "Esta é unha primavera das Matemáticas", sinalou, para despois pór o foco na importancia de ter unha calculadora "que fala e fai", en relación ao uso do galego.

A USC oferta 4.754 prazas

A oferta de novo ingreso da USC para o curso 2023-2024 achegará un total de 4.754 prazas en grao, 1.796 en mestrado e 849 en doutoramento. No contexto da oferta global, o grao en Medicina ascenderá a 403 prazas, fronte ás 360 do ano académico 2022-2023.

O Consello de Goberno tamén aprobou o Regulamento que adapta no contexto da institución compostelá a Lei 372022, do 24 de febreiro, de convivencia universitaria. O documento da USC busca favorecer o entendemento, a convivencia pacífica e o pleno respecto dos valores democráticos, os dereitos fundamentais e as liberdades públicas no ámbito universitario.