A USC exclúe Alba Nogueira da proclamación provisional de candidatas á Reitoría e a catedrática anuncia que recorrerá

Alba Nogueira. (Foto: Charo Lopes)
O día 19 de decembro a listaxe de candidatas a reitora da USC será definitiva e sortearanse tamén os membros das mesas electorais electrónicas.

Unha das catro mulleres que presentaron a súa candidatura oficial para ser a próxima reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a catedrática de Dereito Administrativo Alba Nogueira, vén de ser excluída do proceso de proclamación provisional de candidatas, que fecha este 11 de decembro. Segundo puido saber Nós Diario, a USC tería tomado a decisión de deixar fóra a candidatura de Alba Nogueira "por cuestións formalistas".

Diante desta situación ábrese agora no calendario electoral aprobado pola USC un prazo do 12 ao 16 de decembro para presentar recursos contra esta proclamación provisional de candidatas. O día 19 de decembro a listaxe de candidatas a reitora da USC será definitiva e sortearanse tamén os membros das mesas electorais electrónicas. As votacións serán o 19 de febreiro entre as nove da mañá e as seis da tarde e está prevista unha segunda volta se fose precisa o 11 de marzo.

Segundo figura na resolución do proxecto electoral publicada pola USC, as candidaturas á Reitoría deben cumprir os requisitos estabelecidos no apartado 3 da Disposición transitoria primeira da Lei Orgánica 2/2023, do Sistema Universitario: tres sexenios de investigación, tres quinquenios docentes e catro anos de experiencia de xestión universitaria nalgún cargo unipersoal. Segundo puido saber Nós Diario, sería a acreditación deste último requisito a que deixou fóra Nogueira da proclamación provisional de candidaturas.

En redes sociais, o catedrático de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto publicaba esta cuarta feira que chegaban “novas preocupantes” da Comisión Electoral da USC. Sen explicar as novas, Fernández Prieto criticaba “decisións pouco fundadas e peor argumentadas”, e mesmo chegaba a comparar o caso cun “andazo do rolsel do Tribunal Supremo”, en referencia ao procesamento e recente sentenza condenatoria contra o Fiscal Xeral do Estado español, Álvaro García Ortiz.

Nesa mesma publicación, Carlos Amoedo Souto, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña (UDC) comentaba a nova das exclusión da candidatura de Alba Nogueira “por non acreditar a experiencia de catro anos en cargos unipersoais”.

Esta quinta feira ao longo da mañá a USC fará pública a proclamación provisional de candidaturas, na que estarán Rosa Crujeiras Casais -catedrática de Estatística e Investigación Operativa da USC-, María José López Couso -catedrática e doutora en Filoloxía Inglesa da USC- e Maite Flores Arias  -Catedrática de Física da USC-. A comezos deste mes de decembro decidiu finalmente non formalizar a súa candidatura a reitora Mar Lorenzo, decana da Facultade de Ciencias da Educación.

Esta tarde, no salón de graos da Facultade de Ciencias Políticas da USC está convocado o primeiro debate entre candidatas ao que estaban convocadas pola Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) as catro candidatas que formalizaron a súa candidatura ao remate do prazo estabelecido que rematou o pasado 5 de decembro. No cartel do acto figuran Crujeiras, López Couso, Flores e tamén Nogueira.

Nogueira recorrerá a decisión

"A Comisión electoral nunha decisión formalista con maioría axustada publicará a miña exclusión provisional da lista de candidatas á Reitoría. As razóns: non achegar certificados cos que conta a propia USC sobre requisitos (sexenios, quinquenios, cargos) para ser elexíbel", sinalou a catedrática.

"Reclamarei e achegareinos, aínda que os dereitos que estabelecen as leis a non achegar documentos en poder da administración non son un adorno. É lamentábel que despois de anos de administración electrónica a elexibilidade dependa de que haxa fotocopias nunha carpeta en papel", engadiu.

"Precisamente un dos eixos da nosa campaña é mellorar o funcionamento interno, reducindo burocracia, sendo máis proactiva e eliminando as cargas documentais innecesarias. Dar un salto en termos de eficacia, xestión de datos e uso de ferramentas intelixentes para traballar mellor", destacou Nogueira.

"É algo sobre o que chamamos a atención no Claustro Universitario. O proxecto piloto que pola nosa iniciativa se realizou en Dereito para reducir cargas está metido nun caixón", alertou. "É tamén unha cuestión na que a miña experiencia no comité de expertos que asesorou á Administración catalana nun proceso profundo de mellora administrativa creo que pode aportarlle coñecemento á USC", acrecentou.

Esta cuestión trátase dunha "xestión mal dirixida que temos comentado aquí en distintas ocasións e que ten manifestacións diversas", en opinión da catedrática. "A exclusión provisional por unha cuestión formalista, cumprindo os requisitos da LOSU, vulnera o dereito a non presentar documentos que xa obran en poder da universidade prevista no artigo 53.1.d) da Lei de procedemento e é expresiva das patoloxías do funcionamento sen modernizar", abondou. "Ademais, abre as portas a unha eventual violación do dereito fundamental de elixibilidade para os cargos públicos do artigo 23 da Constitución española", concluíu.