A USC estudará a percepción social do conflito entre a gandaría e o lobo en Galicia

A USC busca constatar as opinións da poboación galega a respecto do conflito entre gandaría e lobo. (Foto: CSIC)

Trátase dunha colaboración entre a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da Facultade de Veterinaria de Lugo.

Persoal investigador do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) promove un estudo sobre a percepción social existente na Galiza ao redor do conflito entre a gandaría e o lobo.

O obxectivo da iniciativa impulsada por investigadoras da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da Facultade de Veterinaria de Lugo, segundo informou a USC nun comunicado, é constatar as opinións da poboación galega, co fin de atopar puntos de encontro e, no seu caso, solucións que contribúan a mitigar a polarización xurdida tras a inclusión do lobo na Listaxe de Especies en Réxime de Protección Oficial (Lespre).

A enquisa, dispoñíbel en liña baixo o epígrafe 'Gandaría e lobo ibérico', está pensada como un “espazo de análise e debate adecuado para reflexionar” e propoñer ideas orientadas a “mellorar a xestión do lobo e a súa convivencia coa gandaría extensiva”, que é a máis damnificada pola acción depredadora desta especie de mamífero.

O incremento dos danos rexistrados na gandaría extensiva naquelas áreas con presenza de lobo e a posíbel relación entre esta casuística e o aumento do número de mandas, e mesmo dos individuos que as forman, constitúen dúas das incógnitas ás que pretende achegar respostas a enquisa de percepción social na Galiza sobre o conflito entre o lobo e gandaría.

“O estudo dos valores poboacionais das especies e a análise do seu impacto na contorna requiren dunha interpretación desde a dinámica ecolóxica”, destaca o estudante do mestrado en Enxeñería de Montes, Andrés Osoro, quen tamén destaca a importancia do coñecemento da opinión pública ou percepción social desta problemática como punto de partida ou escenario desde o que empezar a traballar no deseño de propostas e iniciativas encamiñadas a resolver o conflito.

A nova liña de traballo iniciada na Galiza sobre o impacto do lobo ibérico na gandaría extensiva da Galiza xorde tras o elevado grao de interese que espertou unha iniciativa similar xa desenvolvida en Asturias e que serviu para coñecer que a poboación asturiana destácase polos plans de xestión do lobo fronte a outras medidas máis restritivas respecto do control desta especie, tal e como pode ser a derivada da prohibición da súa caza.