Convivirán a docencia presencial e a semipresencial

A USC decreta unha "presencialidade segura" nas aulas a partir do día 21

Facultade de Matemáticas da USC (Imaxe: Nós Diario).
O curso académico 2020/2021 comezará o próximo día 21 de setembro na Universidade de Santiago de Compostela (USC) nun réxime de “presencialidade segura” coas “máximas garantías sanitarias”, recolle a resolución reitoral asinada hoxe

O reitor, Antonio López, enviou un correo electrónico á comunidade universitaria no que expresa que se desenvolverán as actividades “garantindo as condicións sanitarias estabelecidas polas autoridades competentes”.

Desde o primeiro momento, informou a USC nun comunicado de prensa convivirán “o Escenario 1 e o Escenario 2 contemplados nas Directrices para o Desenvolvemento dunha Docencia Presencial Segura para o curso 2020-2021”.

Isto significa que a docencia se desenvolverá de maneira presencial como norma xeral (Escenario 1). Só nos casos nos que non se poidan cumprir as directrices estabelecidas polas autoridades sanitarias, estabelecerase a convivencia entre a docencia presencial e a semipresencial (Escenario 2).

Esta lóxica será de aplicación para todas as actividades que se desenvolvan no eido da Universidade e serán de aplicación asimétrica atendendo ás circunstancias de cada centro e cada titulación.

O Goberno da USC considera que este mecanismo “permitirá que o ano académico que agora comeza se desenvolva coa maior normalidade e seguridade posíbel”.

“A incorporación neste momento do Escenario 2 é consecuencia da publicación no DOG da pasada sexta 28 de agosto das actuacións coordinadas para centros educativos que prevén actividade lectiva presencial mantendo unha distancia interpersoal de 1,5 metros, así como das recomendacións do Ministerio de Sanidade modificadas con data de 30 de agosto”.