A USC axudará o alumnado a pagar o custo da internet

Campus Vida da USC, baleiro durante o estado de alarma (Imaxe: Arxina)

Durante o tempo que permaneza activo o estado de alarma, a Universidade de Santiago de Compostela (USC), axudará o estudantado a sufragar o custo da internet.

A universidade compostelá informa nun comunicado que o seu alumnado de grao e mestrado poderá acollerse a un plan de financiamento que pon en marcha para garantir o seu acceso ao contido do campus virtual e “demais ferramentas didácticas”, co fin de que continúen coa súa formación académica.

A axuda poderá solicitarse a partir da próxima segunda feira, 30 de marzo, e contempla os gastos da internet até un máximo de 30 xigas. Así, a USC comprométese a financiar 90% do gasto na internet da persoa beneficiaria até un máximo de 40 euros. As solicitudes, restrinxidas a alumnado matriculado no presente curso, deberán formalizarse na sede electrónica da USC até o 15 de abril.

Ademais, a USC tamén acordou suspender o cobro das cotas do servizo universitario de residencias. Fica paralizado o pagamento da Escola Infantil Breogán e das actividades de extensión universitaria.

Anega crea un banco de apuntamentos

Por outra banda a Asemblea Nacional das Estudantes Galegas (Anega) creou o banco de apuntamentos Mancomún, unha ferramenta destinada a alumnado universitario e de Bacharelato para “fomentar a colaboración” durante a suspensión das aulas. O material poderá ser descargado de maneira gratuíta.