A USC aparta das aulas o profesor denunciado por homofobia

[Imaxe: Galiza Nova]

O expediente que a universidade abriu contra Domingo Neira implica a "supensión provisoria" das súas funcións docentes. As organizacións estudantís Agir, Comités e Liga tiñan reclamado que os comentarios do educador non ficasen na impunidade. Tamén o fixo Galiza Nova.


O profesor Domingo Neira, denunciado polo seu propio alumnado por facer apoloxía da homofobia durante as explicacións da materia que imparte na facultade de Ciencias da Educación da USC, ficou suspendido de maneira temporal da súa función docente.

Así o sinala o expediente que abriu contra el a universidade compostelá, confirmando que estará fóra da facultade namentres non se resolva o expediente. Lonxe de recuar nos seus comentarios, Neira defendeunos, atribuiunos a unha "argumentación cuasicientífica", repetiunos e sinalou que eran "a primeira fase do meu deber docente" e que a finalidade era que o estudantado "pense por si propio". 

Agir, Comités, Liga e Galiza Nova pediron que estes comentarios non ficasen impunes

As tres organizacións estudantís nacionalistas exixiron que a USC tomase medidas contra Domingo Neira. Así, Agir cualificou os seus comentarios de "violencia homófoba" e, após lembrar que foi denunciado hai oito anos por dar aulas nesta mesma liña, exixiron "a súa inmediata saída" da universidade pública.

Os Comités aproveitaron o 35 aniversario do asasinato do activista pro-dereitos do colectivo LGBT Harvey Milk para condenar a homofobia "presente fóra e dentro da universidade", en referencia ao caso deste profesor e tamén á agresión sufrida nun bar por un mozo gai en Compostela.

A Liga Estudantil reclamou que o reitor, Juan Casares Long, cesase a Neira na actividade docente ao considerar "moi grave" que un "educador de educadores" --dá aulas en Maxisterio-- "teña esta actitude de odio e leve 35 anos a difundila entre o alumnado con total impunidade".

Por derradeiro, Galiza Nova reclamou a saída deste docente da USC colocando na porta do seu despacho autocolantes co lema O noso orgullo, a nosa loita ao considerar que "non consentir, denunciar e actuar" perante discursos como os proclamados por Domingo Neira "é o camiño cara á fin da discriminación".