A USC acepta o recurso de Alba Nogueira, que competirá polo Reitorado con outras tres candidatas
A Comisión Electoral Central da Universidade de Santiago (USC) proclamou candidata a reitora a Alba Nogueira “por ter acreditado os requisitos contidos no Resolvo 5º da Resolución Reitoral do 10 de novembro de 2025”. Desta maneira, segundo a resolución emitida na mañá desta sexta feira, a catedrática de Dereito Administrativo competirá con Rosa Crujeiras, Maite Flores e María José López Couso por chegar ao Pazo de San Xerome.
A Comisión Electoral Central vén de publicar a proclamación definitiva de candidatas a reitora da Universidade de Santiago. Logo de resolverse positivamente o único recurso presentado, ás eleccións do día 12 concorrerán as profesoras María Crujeiras Casais, María Teresa Flores Arias, María José López Couso e Alba Nogueira López.
Ademais da próxima reitora da USC, nesa data elixiranse as persoas representantes no claustro universitario así como nas xuntas de centro e nos consellos de departamento
Entre o 27 de xaneiro e o 10 de febreiro de 2026 desenvolverase a campaña electoral, destinándose a xornada do día 11 de febreiro para a reflexión.
O 13 dese mesmo mes producirase a proclamación provisional de persoas candidatas electas, e a definitiva o día 26.
Nas eleccións a reitora, no caso de ser precisa unha segunda volta, a campaña prolongaríase entre o 27 febreiro e o 9 de marzo. O día 12 de marzo terá lugar a proclamación provisional da reitora electa e, logo dun período de recursos, a definitiva coñecerase o 23 de marzo.