MNG afirma que a USC acepta as súas propostas sobre a cancelación e o pago da matrícula

A Mocidade Nacionalista Galega entregara máis de 2.000 sinaturas no rexistro da Reitoría avalando estas peticións.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) acepta a proposta realizada desde a Mocidade Nacionalista Galega (MNG), a xuventude de Compromiso por Galicia, avalada coa recollida de 2.000 sinaturas de estudantes, PAS e profesores, na que se solicitaba unha ampliación no prazo de anulación da matrícula, de tal xeito que as persoas que teñen solicitada unha bolsa, se esta é denegada, poidan anular a matrícula e as taxas, na data da resolución.

De igual xeito, tamén se solicitaba que aquelas persoas que teñan que pagar as taxas derivadas das matrículas, poidan facelo dun xeito máis flexible, de tal maneira que se permitapermitindo un maior fraccionamento dos pagos, “sen que isto supoña a imposición de xuros”.

Achegar solucións

A MNG indica que a aceptación das propostas foi comunicada dende a Secretaría Xeral da Universidade vía telefónica á secretaria xeral da Mocidade Nacionalista Galega, Balbina Gándara, na que se concretou a apertura dun prazo extraordinario de cancelación de matrícula durante o período de exames xa que sobre esas datas están previstas as resolucións das bolsas, ben sexa en xaneiro as do MEC, ou ben en xuño as da Xunta. Neste sentido, segundo Gándara, "o estudantado que acredite condición de bolseiro poderá proceder a anular as súas matrículas neses momentos ante a denegación da súa bolsa, sempre antes de realizar os exames".

No tocante ao fraccionamento de pagos, a USC "asumiu o compromiso de abrir canles individualizadas ante o estudantado que xustifique problemas económicos, e que poderá solicitar unha maior relaxación nos pagos". Esta segunda cuestión, segundo Gándara, "haberá que seguir a negociala de cara ao vindeiro curso".