Traballadoras votan mañá

Urxencias de Santiago decide se acepta a proposta do Sergas ou intensifica a protesta

Protesta dos traballadores e traballadoras de Urxencias do Hospital de Santiago, esta segunda feira. Foto: comité de folga.

As traballadoras do servizo de Urxencias do Hospital de Compostela entran na súa décimo terceira semana consecutiva de folga. Fano un día antes de votar a última proposta formulada pola xerencia do centro. Se a rexietan, prometen unha “intensificación” das protestas.
 

A dirección do hospital inclúe na súa oferta o incremento do cadro de persoal en 11 enfermeiras, 11 auxiliares e dous médicos. Para Camilo Agulleiro, presidente do comité de folga, a reacción da xerencia é un éxito da mobilización. “É un logro porque, desde que comezou a folga, non querían dar nada. Houbo que chegar á folga e non por gusto. Cando os traballadores insisten e mobilízanse, poder acadar logros”, afirma Agulleiro.

 

Os folguistas esixen maior dotación de medios humanos e técnicos e denuncian a situación de saturación do servizo.

 

Esta terza feira, o persoal de Urxencias decidirá en urna se continúa ou non a folga e as concentracións de protesta de cada luns. O sindicato médico O'Mega, porén, xa anunciou que seguriá co paro de doutores aínda que a proposta sexa asumida.

 

O conflito das Urxencias de Santiago é unha das múltiples frontes abertas na sanidade pública. Ao Goberno de Núñez Feixoo estálanlle dez anos de recortes, austeridade e reconfiguración neoliberal da materia. A dimisión en bloque dos xefes de servizo da Atención Primaria en Vigo o pasado decembro foi detonante de manifestacións multitudinarias e deitou luz sobre outras problemáticas do sistema, como a dos PAC -no verán morrera un home no da Estrada por non recibir atención a tempo- ou a do transporte.

 

SOS Sanidade Pública convocou o vindeiro domingo 10 de febreiro unha manifestación nacional en Santiago de Compostela co lema Para defender a nosa sanidade pública.