Urxen a Xunta a fechar as granxas de visóns por "risco biolóxico"

Visóns americanos nunha gaiola. (Foto: WWF)
Tras un vídeo realizado pola Fundación Franz Weber que denuncia a "falta de bioseguridade" nas granxas de visións, organizacións como a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) demandan o seu feche inmediato.

A divulgación dun vídeo por parte da Fundación Franz Weber para denunciar, segundo esta organización naturalista, “as deficientes medidas de bioseguridade das granxas de visóns na Galiza” puxo de novo enriba da mesa a situación destas instalacións en relación ao seu control sanitario. A gravación realizouse o 27 de xaneiro en Carral, no mesmo lugar onde tivo lugar o pasado mes de outubro un gromo de gripe aviaria que obrigou a sacrificar máis de 50.000 destes animais.

A fundación, con sedes en Suíza e Barcelona, sinalou a través dun comunicado que enviaría de inmediato estas imaxes aos Ministerios de Transición Ecolóxica, Sanidade e Consumo ao considerar que demostran un "evidente risco para a saúde ambiental, isto é, para a biodiversidade, os ecosistemas e as persoas". 

Insalubridade e saúde

Para o secretario técnico da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Fins Eirexas, estas denuncias con material gráfico “amosan a realidade, o que hai tras as granxas de visóns”.

En declaracións a Nós Diario, sinala que demostran que estas instalacións “son auténticos campos de exterminio insalubres, xa nin falemos de benestar animal”. Asegura que “só por esa mesma razón e a de ser unha industria que non responde a ningunha necesidade máis que ao do luxo, xa tiña que estar fechada”.

Desde Adega apuntan que este tipo de situacións non se dá na maior parte dos países de Europa. “O Estado español, e nomeadamente a Galiza, segue sendo o vertedoiro e último recurso desta industria que eticamente, desde o punto de vista animal, ten moi pouca xustificación hoxe”, argumenta Eirexas. 

A nivel europeo, desde que en abril de 2020 se descubriu o primeiro caso de infección por Covid-19 en mustélidos nos Países Baixos, obrigouse a incrementar as medidas de seguridade para o persoal que traballa neste tipo de instalacións, ademais de considerar o perigo que implican. 

Virus que mutan

Adega lembra que o gromo de gripe aviaria de outubro nesta mesma granxa mostrou que estas instalacións son “auténticas bombas biolóxicas”. Para Fins Eirexas, nas naves onde están situadas teñen lugar “experimentos de mutación de patóxenos moi graves” que permiten que “salten das aves aos mamíferos, neste caso visóns, que involuntariamente transforman un virus que só afectaría ás aves a outro que podería chegar ás persoas”.

Esta mesma teoría apareceu nun artigo da revista científica Eurosurveillance, publicada polo Centro Europeo para a Prevención e Control das Enfermidades (ECDC).

Exixen o feche

Mentres a Asociación Nacional de Criadores de Visón (Agavi) defende que seguen os máis estritos “protocolos de bioseguridade e bioprotección" en coordinación co Goberno español e a Xunta da Galiza, na Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza así como na Fundación Franz Weber coinciden en que as granxas de visóns deberían fechar de inmediato.

“Instamos a Xunta da Galiza a que as feche por risco biolóxico”, di Eirexas, “só seguindo a Lei de Sanidade estas granxas deberían estar fechadas hai moito tempo e malia ter competencias en gandaría e estar abertas como instalacións gandeiras, non sabemos a razón de que o Goberno galego non o faga”, sentenza.