Urxen unha moratoria sobre a minaría submarina para preservar os fondos e os recursos mariños

A minaría submarina pode probocar danos irreversíbeis para a frota e a biodiversidade mariña (Foto: M. Dylan / Europa Press).
Ecoloxistas en Acción solicita por rexistro a todos os concellos costeiros da Galiza, deputacións e ao Parlamento que aproben mocións a prol dunha moratoria da minaría submarina.

De se promover unha explotación mineira do banco galego, o medio mariño quedaría gravemente afectado, advirte Ecoloxistas en Acción, que tras a última xuntanza da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN, polas súas siglas en inglés) resolveu solicitar ás Administración públicas galegas unha moratoria da actividade mineira sobre os fondos mariños, en consonancia co acordado por esta organización.

A moratoria afecta á emisión de novos contratos de explotación e exploración e á adopción de regulacións de minería dos fondos mariños para a explotación, incluídas as regulacións de explotación por parte da Autoridade Internacional dos Fondos Mariños (ISA).

Unha ameaza para a biodiversidade mariña

A minería submarina converteuse nunha das principais ameazas para a integridade dos fondos mariños. Trátase dunha actividade con enormes impactos potenciais, desde os efectos tóxicos das plumas de sedimentos e metais pesados en toda a cadea trófica até a liberación de gases de efecto invernadoiro secuestrados nos fondos oceánicos, pasando pola destrución irreversíbel da biodiversidade mariña.

Segundo subliña Ecoloxistas en Acción nun comunicado, a frota pesqueira galega sería unha das máis expostas aos prexuízos desta acción, afectando aos recursos pesqueiros. Os efectos da minería submarina poderían danar 15% das súas capturas de túnidos no Océano Pacífico e 10% das capturas dos barcos galegos na dorsal do Atlántico.  

Ademais, o crecente interese por potenciais depósitos minerais en augas do Estado, incluído o denominado Banco da Galiza, fronte á costa galega, "poría en risco os principais caladoiros de proximidade".

Chamamento internacional

Numerosos organismos e entidades documentaron e alertaron sobre os impactos coñecidos ou probábeis da minería submarina. Así, desde o Parlamento Europeo, pediron aos Estados membros nunha resolución do mes de xuño, "que promovan unha moratoria sobre a minería submarina até que se teñan estudado e investigado suficientemente os seus efectos no medio ambiente mariño, a biodiversidade e as actividades humanas no mar, e se poida xestionar a minaría submarina para garantir que non se perda biodiversidade nin se degraden os ecosistemas".

É por iso que desde Ecoloxistas en Acción se suman a esta corrente e solicitan ás Administracións galegas que insten ao Goberno do Estado a "promover e defender" ante a Alta Autoridade dos Fondos Mariños (ISA) unha moratoria da minería.

Demandan, ademais, a prohibición da minaría submarina nas augas baixo xurisdición do propio Estado e que exclúa explicitamente a posibilidade de realizar esta actividade nas Áreas Mariñas
Protexidas e Áreas Mariñas de Importancia Ecolóxica o Biolóxica, incluíndo o Banco da Galiza.