Urxen investigar o impacto da pandemia nas residencias da Galiza

Un usuario da residencia de maiores de DomusVi en Outeiro de Rei, nunha imaxe de arquivo (Carlos Castro / Europa Press).
O presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía afirma que era "evitábel" o "exceso de mortalidade" nas residencias, xa que un de cada tres pasamentos totais produciuse nestes centros.

O presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, Miguel Ángel Vázquez, instou este domingo a Consellaría de Sanidade a investigar o impacto da pandemia nas residencias de maiores do país, ao tempo que incidiu na necesidade de incrementar o investimento destinado ás mesmas para mellorar a atención e os coidados.

Nunha entrevista concedida a RNE, recollida por Europa Press, afirmou que era "evitábel" o "exceso de mortalidade" rexistrado nestes centros. Neste senso, cómpre lembrar que unha de cada tres mortes na Galiza produciuse nas residencias.

Deste modo, Vázquez sinalou a importancia de ter "sacado rápido ás e os contaxiados" para que non transmitisen a enfermidade ás demais persoas residentes, e censurou que no país se tivese limitado "o acceso aos hospitais" das e dos maiores.

Neste senso, criticou que os únicos informes emitidos sobre o impacto da Covid-19 nas residencias fosen elaborados por Amnistía Internacional e Médicos Sen Fronteiras, unha cuestión que apuxo a que "non hai ningunha vontade" de analizar o ocorrido por parte do Goberno.

É por iso que demandou ao departamento de Sanidade da Xunta un "esforzo investigador". Con todo, advertiu que a demora causará que "seguramente se perdan datos polo camiño".

Consecuencias futuras

Miguel Ángel Vázquez puxo tamén o foco nos "estragos físicos e psíquicos" derivados do confinamento, e explicou que se teñen observado incrementos de caídas, cambios metabólicos e estados anímicos depresivos nas persoas maiores que ficaron illadas por mor da pandemia.

De cara ao futuro, o presidente da entidade incidiu na necesidade dun aumento do investimento nas residencias para mellorar a súa integración, así como da mellora da coordinación sociosanitaria. A este respecto, reprobou que Galiza fose "practicamente o único territorio que non pagou os gastos derivados da crise a estas instalacións", cuxos prezos baixarán a causa do IPC.

Tamén insistiu en que "os gastos derivados de atención sanitaria (a usuarios e usuarias de residencias) correspóndenlle ao Sergas". Deste modo, sinalou que non se debe permitir que os facultativos de Atención Primaria "non coñezan" ás e os pacientes que teñen asignados debido a que se atopan nunha residencia, e cuestionou "que clase de servizo" poden ofrecer as e os médicos deste tipo de centros dado que non teñen acceso á historia clínica dos usuarios.