Instan a Xunta a corrixir axudas á conciliación discriminatorias "por bonificar exclusivamente os homes"

Manifestación feminista polas rúas de Compostela o 8M de 2021. (Foto Arxina).

A asociación Petra Maternidades Feministas vén de presentar un recurso potestativo de reposición contra a formulación das axudas públicas. Segundo defende, obvian "as enormes necesidades das mulleres nais" da Galiza e "incrementan a discriminación que pretenden solucionar".

Hai xusto un mes abriu o prazo para a solicitude das axudas que concede a Xunta da Galiza para facilitar a conciliación da vida laboral e profesional a persoas traballadoras e familias monoparentais.

En concreto, a resolución de 15 de xuño de 2021 da Secretaría Xeral de Igualdade pola que se estabelecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da xornada de traballo vai principalmente dirixidas a homes en familias no monoparentais, mais tamén a familias monoparentais integradas por una única persoa.

Discriminación 

O texto motivou o recurso do colectivo de nais de Petra Maternidades Feministas ao consideraren que non se "axusta a Dereito".

Segundo informan nun comunicado, o pasado 30 de xullo presentaron un recurso potestativo de reposición contra dita resolución despois de comunicar o 14 do mesmo mes, nun escrito dirixido ao Parlamento da Galiza, "o desacordo da asociación coas bases destas axudas e solicitar a súa modificación de forma substancial para chegar a todas as persoas traballadoras con crianzas da nosa comunidade".

O colectivo considera "acertada" a medida de ofrecer axudas públicas ás persoas que optan por solicitar reducións da xornada de traballo para atender as necesidades das fillas e fillos. Con todo, "detectamos que tal como se ten formulado até agora resultan discriminatorias por bonificar exclusivamente os homes".

As mulleres non poden ficar excluídas

"Resultarían igual de discriminatorias incluso no caso no que homes e mulleres se atoparan en iguais situacións laborais e salariais, pero sabemos que as mulleres soportan peores condicións de traballo, máis temporalidade e máis contratación a tempo parcial. Detectamos enormes necesidades das mulleres nais na nosa comunidade, non podemos permitir que queden excluídas das axudas públicas á conciliación", afirman.

Por iso, como asociación para a defensa dos intereses das nais no período de maternidade e crianza, avogan por "denunciar situacións de discriminación nas que aparentemente se implementa unha acción positiva", mais "na súa proxección incrementan a discriminación que pretenden solucionar".

Neste sentido, instan a Xunta a "revisar as condicións en que as Administracións incentivan a corresponsabilidade e a conciliación". Despois de 15 anos con esta inciciativa en marcha, din, "as medidas 'parche' resultan insuficientes, precisamos un modelo integral de coidados e crianza".