Úrsula Martínez, investigadora nos EUA: "Preocuparíame caer enferma aquí"

A investigadora galega, residente en Florida, Úrsula Martínez (Europa Press)

Pontevedresa de nacemento, traballa nun hospital de Florida tratando psicoloxicamente casos de cancro, explica nesta entrevista os problemas sanitarios que afronta a cidadanía estadounidense ante o coronavirus.

Úrsula Martínez (Pontevedra, 1985) vive en Tampa, no estado de Florida (EUA) desde hai catro anos. Formouse no equipo do profesor Elisardo Becoña, na USC, onde estudou a rama clínica da carreira de Psicoloxía. Actualmente, é investigadora na área de tabaquismo nun hospital onde trata casos de cancro.

A pandemia polo coronavirus colleuna no país norteamericano, que afronta unha situación complicada ─di─ pola carencia dunha rede de soporte social. "Non van deixar caer a xente, mais o sistema implica que moitos non poderán pagar os tratamentos e van quedar moi endebedados. Será un impacto a nivel económico", sinala.

A respecto do sistema sanitario dos Estados Unidos di sentirse "preocupada". "Moita xente perdeu o seu traballo e, polo tanto, o seu seguro médico. Se non tes traballo, non tes médico, polo que é un problema grave que a xente se contaxie. Terán que recorrer ao Obamacare [a Lei de Coidados da Saúde Asequíbeis], que creo que non é o ideal".

Tamén, doutra banda, mostra a súa inquedanza por como afrontar os gastos en caso de contraer a COVID-19. "Se te contaxias e dás positivo, os tratamentos telos que pagar ti", di. "Ademais, aquí non hai baixas laborais ou son moi limitadas. Polo que si estás enferma e non podes traballar quítanche os teus días de vacacións. Cando estes se acaban comezan a non pagarche", explica.

"Se colles o virus, perdes diñeiro, vacacións e non sei como funciona o sistema sanitario aquí. A pouca experiencia que tiven non foi boa", indica. Inicialmente pensara que ao ser un sistema privado non habería listas de espera, mais para ter unha cita co médico de cabeceira "tes dous meses de espera". "E non che dedican máis tempo, nin te tratan mellor" que na sanidade española, asegura.

"Máis dun ano para a vacina"

A respecto do confinamento nos EUA, explica que son "recomendacións" e "dependen de cada Estado". Ao seu parecer, tardouse "demasiado" en estabelecelo e cre que "até que non se impoña" a situación non vai mudar.

Sobre a posibilidade de dar cunha vacina, a investigadora galega sostén que "as cousas levan o seu tempo" e que "non será dun día para outro". "Non me dedico a isto, pero polo que escoitei aos meus compañeiros que si o fan, levará mínimo un ou dous anos".