Quinto encontro telemático dos 'Diálogos desde a periferia'

Urbanismo alternativo para repensar como habitamos

Imaxe da charla en liña da Fundación Galiza Sempre. / Nós Diario
"Diálogos desde a periferia" abordou na xornada de hoxe o seu quinto encontro, no que se falou arredor dos modelos urbanísticos alternativos. O evento, que foi telemático, foi moderado pola edil pontevedresa Carme da Silva e contou coa presenza da xeógrafa Antonia Luciani e do sociólogo Francesco Tonucci.

A Fundación Galiza Sempre realizou, na xornada de hoxe, un novo encontro dentro do ciclo “Diálogos desde a periferia”, desta volta centrado nos modelos urbanísticos alternativos que poñen o foco de atención nas persoas.

O encontro, que se desenvolveu de maneira telemática, a través de canle de Facebook da fundación, contou coa presenza da xeógrafa e urbanista corsa, Antonia Luciani, e do profesor e sociólogo italiano, Francesco Tonucci. A charla moderouna a tenente de alcalde do concello de Pontevedra, Carme da Silva, e contou coa colaboración da Fundación Coppieters, centrada na xestión da diversidade cultural e lingüística e no goberno multinivel, entre outros temas.

A edil Carme da Silva foi a encargada de presentar as relatoras convidadas, coordinar as preguntas do auditorio en liña e introducir o tema, para o que abordou a concepción do espazo público que está levar a cabo a cidade de Pontevedra, na busca, dixo, “de conseguir unha cidade para as persoas”. Nesta liña, Da Silva, falou de “democracia directa no uso do espazo público” e de “perspectiva de xénero no deseño da cidade”, temas nos que abondaron Antonia Luciani e Francesco Tonucci. 

Un modelo urbano mesurado e os cambios que poden derivar do confinamento e da pandemia que se está a vivir centraron a charla da urbanista Antonia Luciani. Para a tamén xeógrafa, “a  Covid-19 pode ser un indicador da crise das vivendas e dos espazos públicos, que non existen ou que son moi poucos nas periferias das cidades”. Para Luciani, “a pandemia pode marcar un punto de inflexión para os estándares de habitabilidade”.

Pola súa parte, o sociólogo Francesco Tonucci achegou unha perspectiva do urbanismo favorecedor da vida en comunidade a través das “crianzas como parámetro para repensar as cidades” acuñando o concepto de “xogábel”, porque para Tonucci, unha cidade “boa para as crianzas é boa para as persoas”. O Sociólogo denunciou que o actual modelo é “excluínte e provoca que se perda a presenza na rúa ao acabar co pequeno comercio por favorecer as áreas comerciais”.

O feito de que a cidade ofreza espazos determinados para as crianzas traslada, segundo Tonucci, “unha idea de marxinación, para conseguir que non molesten”, cando o xogo é unha ferramenta “para coñecérmonos e coñecer os demais, e por iso non podemos limitar o seu espazo ou determinalo ao mesmo lugar”, explica. 

Francesco Tonucci incidiu en que "devolverlle o espazo aos peóns e reducir o dos coches permite que a crianza poida saír da casa sen acompañamento", porque unha cidade para as crianzas "obriga aos adultos, non só aos proxenitores, a facérense cargo" como acontecía, recalca o sociólogo "no tempo que os agora pais e nais eran crianzas". Unha cuestión, na que se incidiu na quenda de preguntas ao tratar a viabilidade dos "camiños escolares", que para Tonucci deben servir para aumentar a autonomía de rapaces e rapazas.