Un rescaldo reactiva o incendio na Comisaría de Santiago

Fume saíndo da Comisaría de Santiago, esta segunda feira. (Foto: Europa Press)
A situación está a afectar a prestación do servizo.

Un rescaldo reactivou na mañá desta segunda feira o incendio na Comisaría de Santiago, o que a pasada quinta feira provocou o desaloxo deste edifcio e doutros próximos na zona centro de Compostela. O fume comezou a saír pasadas as 10 horas da mañá e os bombeiros acudiron a controlalo.

O incendio orixinado a pasada quinta feira na galería de tiro da Comisaría de Santiago, volveu a reactivarse no mesmo lugar por uns rescaldos no soto do edificio, provocando que saíse o fume por un dos laterais. Até alí desprazáronse os Bombeiros de Santiago, efectivos da Policía Local e de Protección Civil.

Segundo explicou a comisaria de Policía Nuria Palacios aos medios de comunicación, o ocorrido "forma parte do proceso normal de extinción dun incendio". Amplían fontes coñecedoras do suceso que os bombeiros que "xa están a rematar os traballos" e que "en breve" volverán ao parque.

A situación está a afectar a prestación do servizo e a propia Policía recomendou ás persoas que se achegaron a renovar o DNI acudir a outras comisarias, como as de Carballo, Ferrol, Ribeira, Lalín ou A Coruña, para realizar o devandito trámite. O mesmo ocorreu con algunha persoa que se achegou a presentar unha denuncia.

Aínda que se están realizando documentacións de urxencia, servizos como o negociado de estranxeiros "de momento non se puideron retomar nin a mínimos", polo que se están derivando á Coruña.

"Temos un menor número de equipos informáticos dispoñíbeis, entón no caso do DNI e o pasaporte están a se facer documentacións de urxencia, e imos tentar, se isto se demora, incrementar eses equipos para dar servizo á cidadanía". detallou.

Con respecto a cando se poderá retomar a normalidade, a comisaria indicou que hai que facer unha serie de medicións para retomar as actividades de forma "segura" e que non haxa "ningún risco laboral".