Un incendio na Comisaría de Compostela deixa unha nube de "fume tóxico" e provoca numerosos desaloxos
O fume obrigou a desaloxar o Pazo de Fonseca e a Reitoría da USC.
Un incendio orixinado na comisaría da Policía Nacional de Santiago, localizado nunha zona da planta inferior onde había pneumáticos almacenados, obrigou a desaloxar o edificio da avenida de Rodrigo de Padrón e causou unha intensa nubrada de fume que se estendeu cara a outros lugares da cidade.
O suceso obrigou a activar un operativo de 13 bombeiros que deben facer quendas ao non poder permanecer un tempo elevado no lugar do incendio. Así o explicaron desde o lugar dos feitos a comisaria, Nuria Palacios, e a alcaldesa, Goretti Sanmartín, que cualificou de "tóxico" o fume.
"A orixe non a podemos determinar aínda. O que sabemos é que foi nunha zona por baixo da planta principal, nun soto, onde hai acumulación de pneumáticos. Por iso o fume é tan denso e está a provocar esta nube que é rechamante e moi molesta", relatou Palacios.
A voz de alarma deuse ao redor das 10 horas e, a continuación, procedeuse á evacuación de forma controlada, comprobando que non había persoal afectado. Máis tarde, pasadas as 11.30 horas, procedeuse ao corte da praza na que está emprazado o inmóbel, situado no centro histórico. Nestes momentos hai 21 bombeiros traballando na zona -e outros tres no parque-. Segundo afirma o Concello “incorporáronse bombeiros que estaban de libranza”.
En relación a danos materiais, a comisaria só ten constancia polo momento da planta baixa. "Non os podemos valorar aínda", indicou. Ademais, pediu "paciencia" ás persoas que tiñan cita na Oficina de Expedición do documento de identidade e a Oficina de Estranxeiría, xa que descoñece cando se poderá retomar a "normalidade" na comisaría. A este respecto, a rexedora indicou que o lume está localizado e que as tarefas como a ventilación serán as que dilaten o fin do operativo.
A presenza de fume nas rúas próximas ao edificiou obrigou a desaloxar o Pazo de Fonseca e a Reitoría da Universidade de Santiago (USC), segundo confirmaron a Nós Diario fontes da institución académica. Aliás, o Concello informou a este xornal de que tamén foron desaloxados o IES San Clemente e o IES Rosalía de Castro, este último vén de cancelar ás aulas na quenda da tarde.
Finalmente, contra as 19 horas desta quinta feira, fontes do consistorio municipal informaron de que o lume xa quedara completamente extinguido.