Esta fin de semana e a que vén en Pontevedra

O universo bebé no Festival das Núbebes

Un espectáculo no Festival das Núbebes

Bonecos e chupetes enchen o teatro con motivo da sexta edición do Festival das Núbebes, dedicado ás crianzas máis pequenas, de 0 a 6 anos. Esta fin de semana e a que vén en Pontevedra.

Artes escénicas galegas para bebés. Isto é o Núbebes, un festival pioneiro no seu día na Galiza que xa vai pola súa sexta edición e que fai de Pontevedra o epicentro do universo das crianzas máis pequerrechas. Unha iniciativa que ademais de entreter as e os bebés, forma as persoas profesionais que traballan acotío con elas e eles.

 

O festival deu comezo a pasada sexta feira, día 21, cunha programación que abrangue a presente fin de semana e a seguinte e que se desenvolve en espazos espallados da cidade: Casa das Campás, Casa Azul, Teatro Principal, praza do Teucro, o CITA e a sede social do Casino Mercantil.

 

Teatro, música, danza, obradoiros, animación de rúas e guerra de almofadas son algunhas das moitas actividades dun festival que tamén ten cabida para a reflexión ao redor da alimentación da man do nutricionista Julio Basulto. O especialista ofrecerá dúas conferencias sobre comida o sábado 29 ás 11.30 horas e ás 16.15 horas. Aliás, o Núbebes abeira formación para profesionais, con tres obradoiros cuxo fío condutor é a atención temperá.

 

Este domingo “Historias con Cadela” é a representación protagonista, que decorrerá na Casa das Campás en tres funcións, ás 12.30 horas; ás 17.30 horas e ás 18.45 horas. As nenas e nenos de 6 meses a 4 anos son os destinatarios. Tamén terá lugar o obradoiro de masaxe A voz da pel en sesións de mañá e de tarde na Sede Social do Casino Mercantil. No Teatro Principal representarase a música e os contos de Baobab Teatro e na Casa Azul e na Sala Valdecorvos terá lugar un obradoiro de cociña sobre zumes vitaminados.

 

O festival está promovido pola Concellaría de Cultura e Educación do Concello de Pontevedra, da que é responsábel a edila Carme Fouces, co apoio da AGADIC, e organízao Baobab Teatro. As entradas para as actividades de pago están á venda en Ticketea e as entradas de balde poden retirarse o mesmo día da función na billeteira do Teatro Principal, de 10.30 horas a 13 horas e de 16 horas a 19 horas. Podes consultar toda a programación nesta ligazón.