As Universidades piden financiamento para "liderar" na reconstrución post Covid

Unha estrutura previa, unida ao esforzo conxunto da comunidade universitaria, permitiron ás tres institucións académicas galegas facer unha adaptación "áxil" ao ensino virtual na pandemia. Os tres reitores chaman a tomar nota de cara ao proceso de reactivación do país após a Covid-19. 

Varias conclusións comúns achegaron esta quinta feira os reitores das tres Universidades galegas á Comisión que se desenvolve no Parlamento para a reactivación económica, social e cultural após a Covid-19. Unha, que a transformación dixital é unha oportunidade de mellora no proceso de aprendizaxe –e tamén un reto social– que, en calquera caso, non pode substituír o ensino presencial como ferramenta "esencial" para a igualdade de oportunidades do alumnado.

E dúas, que se as institucións académicas da Coruña, Compostela e Vigo foron quen de adaptarse "con axilidade" ás condicións que a pandemia e o confinamento impuxeron en marzo foi pola súa bagaxe, derivada dunhas estruturas "fortes" e un labor investigador sostido no tempo, malia os recortes neste ámbito aplicados na última década.

Así o puxo de manifesto o reitor compostelán, Antonio López, ao apuntar as investigacións  que lidera esta universidade no ámbito das vacinas: "Levabamos anos de traballo. Mais non sempre se dispón do financiamento necesario para soster estas estruturas; se queremos centros potentes debemos loitar por un financiamento básico para unha investigación forte". 

Na mesma liña, Julio Abalde, da Universidade da Coruña, reclamou financiamento "estábel e estrutural" para a investigación, non condicionado por convocatorias competitivas. "A nosa adaptación foi posíbel porque tiñamos a estrutura, a forza e o desenvolvemento xa feito. Esa estrutura non se monta dun día para outro", reivindicou, para reclamar tamén o papel da Universidade para "presentar proxectos que sexan quen de dinamizar a sociedade". A este respecto, chamou aos grupos parlamentares a contar coa Universidade no reparto dos fondos europeos de reconstrución.

"Fraco favor nos faremos se desbotamos todo este saber investigador e de transferencia", concordou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, quen fixou como un dos retos das institucións académicas "sermos capaces de presentar proxectos que dinamicen a sociedade e vaian máis aló".

Fenda de coidados

Na súa intervención, Reigosa alertou da fenda dixital que destapou  a etapa non presencial, e que cada universidade paliou con distintos tipos de axudas, desde conexión wifi e préstamos de equipos informáticos a bolsas de matrícula, que non evitaron que, caso da Coruña, 200 estudantes renunciasen á mesma neste período. 

En  Vigo, 300 alumnos e alumnas requiriron destas axudas para poder seguir o curso en remoto, "non nunha situación de igualdade de oportunidades, pero polo menos cunha certa normalidade", admitiu Reigosa, quen alertou tamén da "fenda de coidados" detectada nas diferencias entre a produción científica das investigadoras mulleres e dos homes no confinamento. "Debemos telo en conta na organización do teletraballo futuro", advertiu.

Na sesión de onte tamén pasou pola comisión o director do CIFP Politécnico de Compostela,  José Manuel Leis Blanco, para expor o papel da formación profesional no tecido sociolaboral galego, e Fernando Lacaci, da confederación de Anpas Galegas.