As universidades galegas, preparadas para votar sobre a monarquía

Un momento da asemblea na USC

“Este referendo xorde da necesidade e ansias da mocidade e estudantado de introducir un debate sobre o modelo de Estado”, así comezaba a primeira asemblea en Compostela do referendo pola monarquía que se está a preparar en 26 campus españois, catro deles galegos.

Máis de 100 persoas acudiron á cita na Facultade de Historia a pasada terceira feira 27 de novembro, na que se pretendía dar os primeiros pasos de cara unha consulta á que están chamados a votar estudantado, profesorado e funcionariado da universidade. O punto de partida foi o contido da pregunta.

 

A maior das discrepancias tivo que ver con se incluír a cuestión nacional ou non. Dende a asemblea de alumnado de Filosofía apuntaban que o caso de Galiza non é o mesmo que o doutras rexións españolas e que preguntar pola autodeterminación era fundamental unha vez se tocaba a Constitución.

 

Aludindo á pluralidade de matices posíbeis nun acto deste tipo, houbo quen engadiu que a pregunta debe ser o máis breve e concisa posíbel, unha “pregunta de síntese”. O carácter non vinculante da cuestión fai preciso, apuntaban algunhas estudantes, “que o movemento sexa o máis unitario e transversal factíbel, con intención de collermos un pulo mediático nos medios do estado español e non tomar un percorrido diferente do dos Comités de Madrid”.

 

Máis aló diso, chegouse á conclusión de que a dicotomía monarquía-república é o eixo principal do debate. Un tema de interese para toda a mocidade traspasando as diferenzas ideolóxicas do movemento estudantil.

 

“Moitísima xente non participara con anterioridade no movemento estudantil, o que vexo que é moi positivo e que a consulta é capaz de mobilizar máis alá da xente politizada e militante nalgunha organización”, di a Sermos Galiza Sofía Pérez, portavoz do comité da UDC.  “O importante non é a propia votación senón todo o debate que se xera a partir dela, e demostrar como as estudantes somos capaces de ser críticas e que realmente temos ganas de participar na toma de decisións en materias que nos atinxen coma cidadás”, engade.

 

Unha expresión que repiten dende todas as cidades é "Réxime do 78", insistindo en que non se trata só de decidir entre monarquía e república senón tamén de cuestionar o sistema vixente e os seus piares.

 

“Non só se trata, para nós, de decidir mudar un rei por un presidente, senón rematar con este Réxime herdeiro do franquismo”, conta a Sermos Galiza Alberto, alumno da UVigo, universidade promotora deste acto en Galiza.  “Un Réxime no que mentres un tweet ou un rap pode levarte ao cárcere, Billy El Niño goza de impunidade; no que se persegue a políticos opositores cataláns mentres que corruptos como Josep Borrell seguen ao fronte de ministerios propagando odio. Queremos entender este referendo como un gran punto de partida para mudalo todo”, conclúe.

No caso de Ourense, decidiron ampliar o referendo a outros niveis do ensino público, como institutos ou centros de Formación Profesional. "Entendemos que chegou o momento de devolverlle aos centros de ensino o seu espírito de espazo de debates e de coñecemento crítico, fronte a quen a quere converter nun lugar de estudio memorístico e cara os intereses do mercado. É por isto que os estudantes ourensáns decidimos convocar un referendo sobre a monarquía nos nosos centros de ensino", contan a Sermos Galiza dende a Asamblea Aberta do Campus de Ourense.

As datas establecidas para o referendo son o 4 de decembro para Vigo e 12 para o resto de cidades: Ourense, A Coruña e Compostela.