Ensino

As universidades galegas piden máis concreción ao Ministerio sobre a ABAU

Exámenes de ABAU en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
As universidades galegas propoñen unha "estandarización das cualificacións por distrito en base ás notas do ano académico no que se examine o alumnado".

A Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG), órgano de goberno das tres universidades públicas galegas —Compostela, Vigo e A Coruña—, reclamou ao Ministerio de Educación unha maior "concreción" sobre as probas da ABAU (selectividade) para este curso.

Nun comunicado, a CiUG lembra que na Galiza cada ano arredor de 12.000 estudantes fan a proba cada mes de xuño. Unha proba que este ano realizarase antes do 14 de xuño na convocatoria ordinaria, e antes do 12 de xullo ou 13 de setembro na extraordinaria e na que o alumnado deberá elixir entre examinarse de Historia de España ou Historia da Filosofía.

As matrices

A comisión insta o Ministerio a unha maior concreción a respecto das matrices de especificación, isto é, a determinación das porcentaxes de cada bloque temático no conxunto da materia. Lembra a CiUG que existen novas materias no currículo de segundo de bacharelato sobre as que non hai ningunha referencia.

Ademais, as universidades galegas propoñen unha "estandarización das cualificacións por distrito en base ás notas do ano académico no que se examine o alumnado".

Esta proposta, explican, pretende evitar a comparación de cantidades non homoxéneas, "como poden ser as cualificacións de dous cursos distintos, ao non avaliarmos nin o mesmo currículo nin, posiblemente, empregar o mesmo modo de avaliación".