A Universidade de Santiago de Compostela, entre as 500 mellores do mundo

Biblioteca da Facultade de Historia da USC (Foto: Nós Diario).

Dúas clasificacións internacionais, a do Center for World University Rankings (CWUR) e a U-Multirank, sitúan á USC entre as mellores do mundo e destacan a “calidade da investigación” desenvolvida neste centro.

Dúas clasificacións internacionais, a do Center for World University Rankings (CWUR) e a U-Multirank, sitúan á Universidade de Santiago de Compostela (USC) entre as mellores do mundo e destacan a “calidade da investigación” desenvolvida neste centro.

Diso informou a propia USC nun comunicado, no que destaca que o Center for World University Rankings (CWUR) mantén á USC entre as 500 mellores universidades do mundo ao situala na posición 461 dunha lista composta por 2.000 centros a nivel internacional, despois da análise de 20.000 institucións segundo o seu desempeño académico.

O rendemento investigador e a empregabilidade son os dous aspectos mellor valorados da USC, na posición décimo terceira de entre as 53 institucións españolas recollidas nesta clasificación. Nesta liña, investigación, transferencia de coñecemento e interacción coa súa contorna constitúen os tres ámbitos nos que a universidade compostelá obtén mellores clasificacións no U-Multirank correspondente a 2020.

En concreto, este sistema de clasificación de universidades de todo o mundo computa e compara os datos de 79 institucións académicas españolas e de máis de 1.700 centros duns 100 países. Neste sentido, o U-Multirank de 2020 outorga a cualificación A (a máxima dun total de catro niveis) á USC polo número de publicacións científicas indexadas nas bases de datos de Web of Science, con polo menos un autor que indique a súa filiación coa USC.

Ademais, ten en conta a súa capacidade para captar fondos de investigación que non procedan de subvencións públicas; a súa porcentaxe de publicacións académicas a través de revistas de acceso aberto; a porcentaxe publicacións mencionadas en listas de referencia con polo menos unha patente internacional; así como a súa capacidade para captar fondos privados que procedan da súa contorna máis inmediata.