A Universidade reclama un financiamento "suficiente, duradeiro e estábel"

O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, cos reitores Antonio López, Manuel Reigosa e Julio Abalde (Foto: Xunta da Galiza)
A oposición inta a Xunta apostar pola universidade pública galega e non pola privada.

A entoación do Gaudeamus igitur marcou esta sexta feira, 3 de setembro, o inicio do acto de apertura do curso universitario galego, onde Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña -en cuxo Paraninfo decorreu o evento-, demandou un financiamento "suficiente, estábel e duradeiro" para o sistema universitario. O acto contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, dos reitores da USC, Antonio López; e da UVigo, Manuel Reigosa; e numerosas autoridades. 

Durante o seu discurso, o reitor da UDC lembrou que o financiamento universitario no Estado "está dez puntos por baixo da media da Unión Europea e da OCDE". Sinalou tamén que o traballo conxunto entre as universidades e a Xunta "é a mellor garantía para o fortalecemento do Sistema Universitario Galego (SUG)". Tamén apuntou ao acordo que deseña o mapa galego de titulacións universitarias até 2026 e esperou que se leve a cabo unha negociación do novo plan  de financiamento do SUG.

O reitor fixo mención á situación económica das universidades e reclamou, en nome das tres universidades, “que o marco financeiro que se estabeleza responda á necesidade de que as universidades afronten o próximo período cun financiamento estrutural suficiente”; desexo que tamén espera da próxima Lei orgánica de universidades para “reverter a insuficiencia de recursos públicos e privados para os campus”. Abalde lembrou que aínda non se recuperou o financiamento anterior á crise de 2008.

3.000 millóns para o SUG

Pola súa banda, o presidente da Xunta trasladou no seu discurso no acto o compromiso de mobilizar 3.000 millóns para a universidade galega no período 2022-2026. Feixoo explicou que as universidades recibirán os fondos ao amparo dos seus plans de estabilidade financeira e rexeranse por seis eixos que calibrarán o financiamento global, a internacionalización, a relación coa empresa, a investigación, a responsabilidade social e a innovación na docencia.

Por outra banda, afirmou que neste novo curso afondarase "na  presencialidade" das aular, tras o contexto de pandemia.

BNG e PSdeG instan Feixoo a apoiar a pública

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario  xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presentes no acto de inicio de curso, reclamaron á Xunta unha "aposta" polas universidades públicas galegas cun aumento dos fondos.

"O PP cebouse con recortes na universidade pública, cun sistema de financiamento insuficiente", afirmou Pontón, ao tempo que comparou este feito coa aposta da Xunta "pola universidade privada" de Abanca.

"É camiñar cara á privatizaciñon de servizos públicos con consecuencias nefastas", insistiu a dirixente nacionalista, que demandou para este inicio de curso un plan para reforzar a universidade e a investigación, cunha contía de 70 millóns
Pola súa banda, o secretario  xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou "imprescindíbel" un compromiso co sistema universitario público e que "non se quite" este diñeiro "para outros fins non tan prioritarios".

En concreto, pediu aumentar os fondos estruturais e non "escatimar" recursos. Ademais, cuestionou que se "abra a porta a modelos privados" e que non se "fortaleza", mentres, a universidade pública, da que dixo necesita "máis apoio".