“Unha universidade privada en Galiza é un feito extremadamente grave para a sociedade galega”

Imaxe dunha aula universitaria

O proxecto impulsado por Abanca sería "nefasto" para o sistema público, considera CIG-Ensino. A idea dos promotores é que o primeiro curso estea activo cara a 2020-2021.

A Xunta estuda autorizar o proxecto de universidade privada impulsada por un grupo financeiro, Abanca, abrindo as portas así á primeira universidade privada en Galiza. Os prazos manexados apontan a que podería iniciar a súa andaina no horizonte do curso 2021-2022. Para a CIG, unha mala nova.  “A esta Universidade privada soamente poderán acceder un grupo de alumnado que economicamente poida pagar eses estudos, ou aqueles que recorran a un maior endebedamento e nela se reforzará a exclusión do noso idioma, en contra dos propios principio recollidos na Lei 6/2013, de 13 de Xuño, do Sistema universitario de Galiza”, considera o sindicato nacionalista..

 

“Unha Universidade privada sería nefasta para os intereses públicos, para o Sistema Universitario Galego e evidentemente para a poboación xa que os servizos públicos son o único garante do acceso universal á educación superior do alumnado galego”, engade CIG-Ensino, que chama  atención tamén sobre os “problemas” que pode suscitar unha eventual autorización para as titulacións que actualmente se imparten como centro adscrito a algunha das universidades do SUG.

 

As tres Universidades de Galiza e os seus sete campus poderían ofrecer unha cobertura a todo o territorio e adaptarse ás necesidades sociais e laborais que se precisan, podendo ampliar a súa oferta educativa e reorganizando aqueles aspectos que sexan precisos. Esa é a aposta do sindicato, que lamenta que a propia Xunta  limita as potencialidades do sistema universitario público impoñéndolle unha cláusula de estabilidade que implica que para poñer en marcha unha nova titulación é preciso retirar outra ou diminuír o número de estudantes noutras titulacións”.