A universidade, en loita contra o negocio da privatización

Concentración en Compostela da Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública. (Foto: Arxina).
A Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública volveu ocupar os sete campus en contra do proxecto privado de Abanca. A lei de creación da Universidade Intercontinental da Empresa foi admitida a trámite no Parlamento cos votos do PP.

"O que hoxe se aprobe, vai vir para quedar", advirte en conversa con Nós Diario Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino e portavoz da Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública pouco antes do inicio dunha nova concentración ante a reitoría da USC, na Praza do Obradoiro, contra a universidade privada de Abanca mentres avanza a súa tramitación o Parlamento da Galiza.

Esta mobilización social tivo a súa réplica nos outros seis campus universitarios da Galiza. "É un momento transcendental. Por iso, desde o ámbito sindical e social debemos asumir un labor fundamental: concienciar a sociedade da importancia deste momento". A de Abanca, incide, "é a primeira universidade privada que se vai constituír no país pero tamén é a porta de entrada para outros proxectos que se van crear no futuro". 

Bermello fala "dun camiño sen retorno" no que a loita social en defensa da universidade pública debe marcar o debate e a axenda política a sabendas de que "pelexamos contra un muro moi difícil de derrubar, que é a maioría absoluta do PP".

Mercado de títulos

A lei para a creación da Universidade Intercontinental da Empresa superou o pasado 25 de maio o debate das emendas á totalidade presentadas por BNG e PSdeG para avanzar na súa tramitación co único apoio do PP.

"Ten que haber unha contestación social que acompañe as análises e críticas que se fixeron, mesmo por parte das universidades públicas, que argumentaron moi ben o que suporía a autorización dunha universidade como a de Abanca, que non entra para complementar a oferta que xa existe senón para duplicala e competir directamente retirándolle alumnado e fondos ás universidades públicas", resume Bermello.

Ás mesmas conclusións, afirma, chegaron organizacións sindicais coma a súa. Desde CIG-Ensino advirten da perda de postos traballo e do asentamento dun sistema de endebedamento do alumnado sen recursos para facer fronte a unhas matrículas desorbitadas.

Estamos ante unha universidade dirixida a facer negocio coa expedición de títulos que abre a porta ao empresariado

"Estamos ante unha universidade dirixida a facer negocio coa expedición de títulos que abre a porta ao empresariado. Neste caso vinculado ao sector financeiro de Abanca, mais nun futuro a outro próximo aos Rivera-Fernández -conselleiro delegado de Estrella Galicia e ex presidente do Dépor- arredor de Cesuga", aclara. 

O voceiro da Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública censura o papel das privadas como parapeto das carencias que "os Gobernos provocan nos centros públicas ao denegar autorizacións de graos e mestrados". E pon como exemplo o mestrado en profesorado de educación secundaria. Mentres nas universidades públicas galegas a matrícula rolda os 600 euros, nunha privada pode chegar aos 6.000. "A Xunta impide que se oferten máis prazas públicas nun momento de alta demanda para cubrir as xubilacións que temos" derivando o alumnado cara a "meros centros de estudo, moitos online, sen cualificación profesional nin investigación suficiente; que apostan por ofrecer máis mestrados que graos, que é onde está o negocio".