Medio Ambiente

A Universidade das Nacións Unidas recoñece un proxecto de combate contra as especies invasoras no monte galego

Repoboación do monte comunal de Padróns (Ponteareas) con especies autóctonas da man das brigadas deseucaliptizadoras. (Foto: Verdegaia).

‘Vemo-nos no Monte!’ foi un proxecto transfronteirizo entre a Galiza e Portugal.

A Universidade das Nacións Unidas recoñeceu o proxecto ‘Vemo-nos no Monte! Educación para a Prevención, Control e Educación sobre Especies Invasoras’, como “buque insignia” (flagship) dos proxectos educativos innovadores da Global RCE Network de educación para o desenvolvemento sustentábel.

‘Vemo-nos no Monte!’ foi un proxecto transfronteirizo realizado durante 18 meses, entre os anos 2022 e 2023, levado a cabo pola Fundación Montescola, a Fundación CEER (Centro de Estudos Euro rexionais Galicia-Norte de Portugal) e a asociación portuguesa À Escuta, co apoio das Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia.

A Universidade de Nacións Unidas (UNU) é unha universidade estabelecida o 6 de decembro de 1973 ao implementar a resolución 3081 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas. A UNU é un organismo autónomo das Nacións Unidas, cuxa Carta establece a súa plena independencia universitaria. Traballa en estreita colaboración coa Secretaría da ONU, a Unesco e outras organizacións do sistema de Nacións Unidas, e polo seu intermedio fortalécense os vínculos coa comunidade universitaria internacional. Leva a cabo o seu labor a través dunha rede de centros e programas de investigación e de formación, tanto nos países desenvolvidos como nos países en vías de desenvolvemento.

A motivación de "Vemo-nos non Monte!" é a necesidade de xuntar esforzos entre varias asociacións ecoloxistas que, desde hai varios anos, veñen traballando na problemática ambiental na Galiza e o Norte de Portugal.

Co obxectivo de coidar os espazos naturais máis vulnerábeis fronte ao problema común da expansión de especies exóticas invasoras (EEI), organizáronse brigadas de voluntarios para cortar acacias e eucaliptos.

No transcurso destas accións, identificáronse varias demandas, tales como: ia necesidade de formar as persoas (que forman parte da comunidade) no coñecemento das especies exóticas invasoras.

Persoas (que forman parte de movementos comunitarios e sociais) que se están activando e agrupando ao redor de conflitos ambientais locais/rexionais e transnacionais, coa ambición de promover tamén a mestizaxe xeracional e a necesidade de colaborar entre entidades dos territorios veciños de Galiza e Norte de Portugal para o intercambio de coñecementos e boas prácticas.