A Universidade da Coruña reta a feminizar a Galipedia

O Reto +50 terá lugar mañá na facultade de Informática da Coruña, onde xa teñen adhesivos da cita.
A facultade de Informática da Coruña convoca mañá a participar nun wikimaratón organizado dentro da programación polo 8 de marzo, que busca ampliar a Galipedia con 50 nomes de mulleres relevantes na historia, para ampliar o coñecemento igualitario e pechar a fenda de información dixital.

"O talento intelectual das mulleres foi, ao longo da historia, primeiro impedido, logo negado ou reprimido e, máis tarde, silenciado ou mesmo usurpado. A propia Rosalía de Castro deu conta diso, cando afirmaba que non lles estaba permitido ás mulleres escribir o que senten e o que saben". A cita, contida no manifesto que leu a semana pasada a vicerreitora de Igualdade da Universidade da Coruña, Cristina López, no marco das actividades do 8-M, chama á visibilidade e marca o camiño da actividade que a facultade de Informática da mesma cidade organiza mañá nos seus laboratorios. 

Será un experimento que aspira a reverter, aínda que sexa un pouco, a denuncia que recollía o manifesto, e contribuír a ampliar o coñecemento de figuras femininas relevantes. Con ese obxectivo, a facultade convoca unha editatona, unha cita presencial ou virtual para editar e mellorar de forma colectiva os contidos da Wikipedia, neste caso, na súa versión galega. Porque, como denunciaba o texto da UDC, aínda hoxe a historia continúa a ser en moitos lugares "unha historia de homes e para homes". 

Con esta chamada á acción, que se presenta baixo o nome Reto 50+, a Universidade busca incorporar medio cento de nomes femininos á Galipedia, para sacar do esquecemento figuras femininas e contribuír a pechar a fenda de información dixital. 

A convocatoria, que se estende a persoas sen coñecementos en informática, ofrece un obradoiro no que, ademais dunha breve introdución á edición, as persoas asistentes poderán incorporar novos artigos sobre mulleres relevantes que aínda non aparezan nalgún dos 161.896 artigos da enciclopedia dixital galega, unha páxina web que cumpría 17 anos, precisamente, o pasado 8 de marzo. 

Para que os libros, como dicía o manifesto, "sexan o símbolo que representa a lembranza de que sempre houbo mulleres que teimaron co seu traballo académico e intelectual, para sementar a base que nos permite seguir avanzando". Tamén os dixitais.