A Universidade da Coruña distingue Boaventura de Sousa co Honoris Causa

O reitor da Universidade da Coruña Julio Abalde (esquerda) e Boaventura de Sousa Santos. Foto: Universidade da Coruña.

É desde hai décadas unha das voces máis escoitadas da esquerda europea. Teórico dos foros sociais mundiais, partidario das alianzas do Sur global, investigador de epistemoloxías alternativas, pensador comprometido coa política cotiá, Boaventura de Sousa Santos é ademais autor dunha relevante obra ensaística. Esta cuarta feira foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña.
 

“É unha agradabílisima sorpresa que me concedan esta distinción, un privilexio”, indicou o intelectual portugués, “pero non vén dunha universidade estraña, nin dunha terra estraña, nin dun país estraño. Estou en casa”. De Sousa Santos naceu en São Pedro de Alva, preto de Coimbra, en 1940. A Coruña foi unha das primeiras cidades que visitou despois da Revolução dos Cravos do 25 de abril de 1974.

 

Procedente do campo do dereito, o editor de Epistemologias do sul (2009) tamén investigou na economía -foi en 1973 un dos fundadores da facultade da Universidade de Coimbra- ou na socioloxía. Abriu perspectivas para as olladas poscoloniais en Portugal e preocupouse pola democracia e os dereitos humanos, pola socioloxía do dereito ou pola crítica á globalización. Foron os seus esforzos nesta última vertente os que ampliaron o eco do seu traballo.

 

A gramática do tempo: para uma nova cultura política (2006) ou Para uma revolução democrática da justiça (2007) son algúns dos títulos do profesor das universidades de Coimbra, Wisconsin ou Warcick. Malia incorporar elementos do pensamento posmoderno á súa lectura das teorías emancipadoras, a súa implicación política foi coa esquerda de tradición revolucionaria e marxista.

 

Achegado ao Bloco de Esquerda, defende a acción do actual Goberno portugués, que preside o socialista António Costa co apoio parlamentario do Bloco e do Partido Comunista Português. O pasado agosto publicou no xornal Público un artigo en que aposta por unha coligazón electoral entre as dúas formacións á esquerda do Partido Socialista, o que, ao seu ver, “permitiria fazer crescer a pressão da esquerda sobre o PS, sem a qual os automatismos antigos e os interesses de sempre inclinarão o partido para a dereita”.

 

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presidiu o acto de imposición do Honoris Causa. A decana da facultade de Socioloxía, Raquel Martínez Buján, pronunciou a laudatio. Na mesma cerimonia o exreitor da UDC Xosé Luís Armesto recibiu a Medalla de Ouro da institución.