A unión veciñal, chave para combater os incendios en Trives, Chandrexa e Montederramo: "O meu avó é un heroe"

Dous gandeiros observan o estado da súa granxa tras o paso do lume, en Cova, Pobra de Trives. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Veciñanza de zonas afectadas polos incendios narra como fixeron fronte aos fogos. 

A unión veciñal volveu ser clave para "salvar" das chamas as vivendas de diferentes localidades da provincia de Ourense afectada polos incendios forestais e que mantén declarada situación 2. "Os veciños salvamos o lugar", así o afirmou entre bágoas, en declaracións a Europa Press, Roberto Fernández un veciño da parroquia de Cova no municipio de Pobra de Trives (Terra de Trives) ao visitar a granxa do seu curmán, David Núñez, por primeira vez tras o incendio que afectou a zona na madrugada desta cuarta feira.

"Quedei sen nada", lamentou chorando David ao ver a súa granxa calcinada con dous dos seus becerros e dous dos seus mastíns queimados dentro. "Había 6.000 euros, están ardidos, os rolos había 210 encintados, non queda nada e estaba cheo até o teito", engadiu. Entre "columnas de fume" e un vento que propagaba as chamas a unha velocidade "impresionante", Roberto e Diego foron incapaces de evitar que ardese o terreo. "Eu chamaba para tentar saír, pero houbo un momento que non contaba con iso", explicou Roberto.

Pero a historia de David e Roberto non é a única, tamén na aldea de Parada Seca, en Chandrexa (Terra de Trives), entre veciños nonaxenarios e outros máis novos saíron con mangueiras a tentar apagar o fogo a madrugada desta cuarta feira tras descubrir que brigadas e axentes forestais non podían acceder á zona por mor do lume. En concreto, Olga Núñez, o seu marido e a súa neta, Alba Rodríguez, pasaron a noite tentando apagar o lume que parecían "estar na porta". "En media hora ou 10 minutos o lume que parecía imposíbel que chegase estaba a rodear a casa", sinalou Alba. "O meu avó, que é un heroe, quixo saír e saímos, eu detrás del, con medo e con máscaras, coas mangueiras e con cubos, tentando apagar o lume", continuou. Ao final, esta familia e outras da aldea conseguiron frear as chamas antes de ter que lamentar feridos e, "nerviosos", esperan que esta noite "non pase nada".

Con todo, tal e como conta Olga, unha das familias da aldea viuse obrigada a escapar "correndo" ante as "labaradas que viñan" e que acabaron por calcinar a súa casa vacacional. "Pasou unha moza dicindo que aquí non ía pasar nada e que nos avisarían con tempo, pero aquí nin nos desaloxaron nin nos avisaron, entendo que non podían acceder", explicou Alba.

Ademais, a poucos quilómetros, na poboación de Celeiros, tamén en Chandrexa de Queixa chegaron catro ambulancias e varios turismos con capacidade para 50 persoas á súa Residencia de Maiores, para trasladar algúns dos internos a outras instalacións. A estas catro, sumáronselles outras tantas dunha empresa privada.

Pola súa parte, en Somoza, en Trives, tras o desaloxo dunha vintena de persoas a noite desta terza feira, María Josefa Fernández, o seu fillo José Luís e o seu marido José Luís Núñez negáronse a abandonar a aldea para tentar pór fin ao lume converténdose nos únicos veciños que permaneceron. "Non imos deixar arder todo o que hai aquí", explicou o mozo da familia. Máis de vinte veciños chegaron, tamén, de aldeas próximas para axudar a frear as chamas, que empezaron a aparecer ao redor das 20.00 horas da tarde da terza feira e que non pareceron apagarse até as 06.00 horas da mañá desta cuarta, tal e como explicaba a familia.

Durante esta xornada dedicáronse a recuperar os rolos de herba que lograron salvar das chamas, a pesar de "perder moitos deles". "Nós dixemos que non nos marchabamos", contaba María Josefa e engadía José Luís que, a pesar de todo, "non hai que renderse". O resto de veciños da aldea de Somoza regresaron esta mañá ás súas casas, confirmaron, tras ser evacuados pola Garda Civil, Protección Civil e Policía Local.

Na aldea de Pena Petada, tamén na Pobra de Trives, María Dolores Suárez unha das veciñas que foi evacuada esta terza feira regresou á súa casa. "Dicían os Gardas Civís 'douvos media hora', 'douvos media hora' mentres recolliamos o que podiamos", lembrou. "Pasamos medo, porque xa se vía moi perto e sentíase xa o fume, foi moi difícil, porque viamos as chamas aquí, moi perto", engadiu María Dolores.

No municipio de Montederramo (Terra de Caldelas) os focos "salváronse principalmente grazas á colaboración dos veciños", indicou o alcalde, Óscar Diéguez, consultado por Europa Press. En concreto, explicou, as chamas "puxeron en perigo" atres núcleos de poboación no municipio: Xestosa, Casar do Matogueira e Peredo. Ademais de Verdocedo de Arriba e Vigueira de Arriba horas máis tarde. "O núcleo salvárono os veciños que se mobilizaron de maneira voluntaria e ofrecéronse e dixeron 'para onde podemos ir'", engadiu Diéguez.