Continúan en estado grave os tres bombeiros feridos no incendio forestal de Oímbra

Complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac). (Foto: Sergas)

Permanecen ingresados no complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac).

Os tres bombeiros municipais feridos tras sufrir queimaduras no incendio forestal rexistrado no concello de Oímbra (comarca de Verín) seguen ingresados no Complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) en estado grave ou moi grave.

Así o informaron fontes hospitalarias consultadas por Europa Press tras o ingreso dos tres na Unidade de Queimados do centro hospitalario.

No caso do máis novo, de 18 anos, ten queimaduras de terceiro grao con afectación en 40% do seu corpo. Presenta intoxicación por inhalación de fume e está estábel con prognóstico moi grave.

O mozo de 23 anos ten queimaduras de segundo grao con afectación en 15% do seu corpo. Tamén presenta como os demais intoxicación por inhalación de fume e evoluciona favorabelmente con prognóstico grave.

Por último, o bombeiro de 25 anos ten queimaduras de segundo grao con afectación en 15% do seu corpo. Está estábel con prognóstico grave.