Unión sindical en Compostela para facer fronte ao despexo dunha familia en Aríns

CIG, CUT e CNT subscreben un comunicado no que defenden a vivenda como ‘’ben básico’’ e chaman aos e ás composteláns a participar o día 19 nos actos para paralizar o despexo.

As unións comarcais dos sindicatos CIG, CUT e CNT asinaron un comunicado público unitario no que amosan a súa plena solidariedade coa familia de Aríns sob ameaza de despexo e apelan á cidadanía a tomar parte nas accións que convoque Stop Desafiuzamentos para poñer freo ao despexo. O 19 deste mes, sexta feira, “o Xulgado volverá tentar o desafiuzamento”.

“Solidarizámonos plenamente coa familia de Carlos e María, veciños de Aríns, pola situación de inseguridade na que viven, cando xa van pola terceira ameaza xudicial de expulsión do seu propio fogar”

“Baixo ningunha condición é xustificable que se perpetúe o xogo da especulación coa vivenda das traballadoras e traballadores. A vivenda é un ben básico universal. Ningún título, ningún compromiso, ningunha débeda e dende logo, ningunha estratexia lucrativa, son xustificación abonda para expropiar o teito”, sinálase no comunicado.

Estas tres centrais denuncian o que cualifican de “ falta absoluta de sensibilidade por parte dos Xulgados do Civil de Compostela, que conscientes, como o é o conxunto da poboación da comarca, da gravidade dos feitos acontecidos con esta familia e tamén así da denuncia penal por estafa que formalizaron contra o prestamista responsable, pretendan executar o desafuizamento”.