Unidos Podemos propón prohibir replantar con piñeiros e eucalipto as zonas queimadas

O grupo confederal rexistrou no Congreso a proposta de reforma da Lei de Montes, coordenado por Antom Gómez Reino, coa que pretenden que se adopten medidas urxentes para unha xestión sostíbel dos sistemas forestais.

O grupo confederal de Unidos Podemos-En Marea- En Comù rexistrou no Congreso a súa proposición para a reforma do lei de Montes, unha proposta que ten como obxectivo a adopción de medidas urxentes dirixidas a fortalecer a conservación e xestión sostíbel dos sistemas forestais e a protección dos solos afectados polos incendios.

 

No proxecto de reforma, coordenado por Antom Gómez Reino (En Marea), apóstase en reverter as excepcións de recalificación do solo queimado introducidas polo PP e en impedir a repoboación das zonas queimadas con especies pirófilas (facilmente combustíbeis, como o eucalipto e o piñeiro). Uns cultivos que teñen importantes extensións en zonas como Galiza. Gómez Reino lembra que os grandes lumes forestais danse nun marco de abandono do campo e do rural. De feito, e como se sinala no documento, máis da metade (53%) da poboación de eucalipto do mundo está na Península. Ademais, 60% dos incendios que son “fóra do control humano” danse en zonas onde hai algunha destas tres especies: pinus pinaster, eucaliputus globulus e pinus halepensis.

 

67% da propiedade dos montes é de pequenos propietarios, por iso a proposta incorpora a figura de "custodia do territorio" para incentivar o coidado e vixilancia dos montes, implicando a xente do rural.

 

A proposición de Lei urxe a que se adopten os cambios en seis eixos chaves: co obxectivo de fortalecer os instrumentos de ordenación e xestión forestal, aumentar o control sobre os cambios de uso forestal, incluír o recoñecemento dos sistemas agro-silvo-pastorís ou dignificar a condición dos axentes ambientais e forestais, entre outros.