Unidade ecoloxista para pedir á Xunta o fin da caza en Galiza de aves en perigo de extinción

conícora

A conícora (Vanellus vanellus) e a agacha (Gallinago gallinago) poden ser cazadas en Galiza malia a figurar no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como ''en perigo de extinción''.

Adega, Sociedade Galega de Historia Natural, Federación Ecoloxista Galega e Sociedade Galega de Ornitoloxía queren que a Xunta impida que en Galiza podan cazarse especies en perigo de extinción. Así o solicitaron no Comité galego de caza, que tivo lugar a finais da semana pasada.

A conícora (ou avefría) ou a agacha (ou becacina) figuran no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007) consideradas como “en perigo de extinción”. Unha cualificación dada debido a que a súa “supervivencia é pouco probable se os factores causantes da súa actual situación seguen actuando” e débense elaborar os correspondentes “planos de recuperación” destas dúas especies.

Malia á grave ameaza da extinción e ao descoñecemento dos movementos dispersivos e migratorios das poboacións reprodutoras galegas, tanto a conícora como a agacha considéranse especies cazábeis durante a tempada cinexética en Galiza (só as poboacións non nidificantes) polo que existe o risco de que exemplares reprodutores, xa que logo considerados “en perigo de extinción”, sexan abatidos durante a tempada de caza.