Ribadeo acolle unhas xornadas sobre os poderes estruturais que sustentan a violencia machista

Cartaz das xornadas

A vila mariñá acollerá o 19 e 20 de abril a VI Xornada formativa de abordaxe integral da violencia de xénero no ámbito local que nesta edición se centrará en "Os poderes que sustentan a violencia machista". A inscrición é gratuíta e xa está aberta 

 

O Cine Teatro de Ribadeo acollerá o 19 e o 20 de abril a sexta edición das xornadas formativas de abordaxe da violencia de xénero. Nesta edición, como sinalaron a concelleira Mariluz Álvarez e a directora do CIM, Luisa González, o foco porase nos poderes estruturais que dificultan e impiden o avance  das políticas dirixidas a eliminar a violencia machista. Os diferentes poderes (o económico, o xudicial, o político) a través do mercado laboral, das leis, dos medios de comunicación, da publicidade sustentan con formas máis sutís o actual  sistema patriarcal.

“A violencia sexista segue a existir e cada vez son máis as complicacións que teñen as mulleres para poder denunciar. Hoxe en día se está a ver que existe un retroceso dun 10% con respecto a outros anos, cando segue a haber mulleres vítimas de violencia de xénero", sostén a concelleira de Igualdade.

Nas ponencias e relatorios a debater no marco das xornadas analizaranse cuestións como as desiguladades no eido laboral, a reforma da xustiza penal a debate, o dereito ante a violencia machista contra as mulleres, avances e retrosesos; o control e poder das redes sociais e a novas formas de sexismo que se practican nas mesmas; o poder da sexualidade, unha manifestación da violencia de xénero oculta; e as novas formas de violencia contra as mulleres. Ademais de charlas haberá a proxección do spot da campaña Igualámonos.

Trivial feminista

Tamén se presentará o trivial feminista do Observatorio da Mariña pola Igualdade e a páxina web: www.noseaspresadelatalla.com da Federación de Mujeres Jóvenes.

A xornada de abordaxe integral da violencia de xénero está destinada a  profesionais que traballan a violencia de xénero  en calquera das súas dimensións, mais tamén a calquera persoa interesada no tema. A inscrición estará aberta ata o vindeiro 19 de abril pola mañá. A matrícula, que é gratuíta, poderá formalizarse persoalmente enviando a folla de inscrición debidamente cumprimentada por correo ordinario, por fax ao 982 120 888 ou por correo electrónico a cim@ribadeo.org.