Unha xuíza de Vigo rexeita unha demanda por estar escrita en galego

A funcionaria exixiu unha tradución xurada do texto. Desde A Mesa fala de "racismo lingüístico" e anuncia o envío de cartas aos órganos competentes para se queixaren desta nova "discriminación cara o galego"

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia máis un caso de "discriminación contra o idioma galego" na Administración de Xustiza. Desta volta, unha demanda presentada en Vigo foi rexeitada por estar escrita na lingua "que o Estatuto de Autonomía recoñece como propia e tamén oficial" de Galiza. A xuíza encargada de admitila a trámite exixiu unha tradución xurada do texto ao español.

O presidente da entidade, Carlos Callón, informou de que "non é a primeira vez" que acontece unha situación "tan absurda e discriminatoria" como a que esta cuarta denunciaron mediante nota de prensa, e reclamou que as administracións implicadas "abran dunha vez os ollos e tomen medidas" para frear situacións que Callón enmarcou no "racismo lingüístico". Así, A Mesa fixo público o envío de cartas á Xunta de Galiza, ao Goberno español, ao Consello Xeral do Poder Xudicial e ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza para queixárense da situación, e recalcou que "non podemos ser menos por querer usar o noso idioma".