A loita por un centro de día en Rianxo que ispe as carencias da Xunta en política social

Imaxe: @iavius_fausto

Dous meses de feche na casa do concello, mobilizacións, asembleas, reunións.. A loita en Rianxo por un centro de día non decae embora a negativa reiterada de PP e Xunta a dotar a vila desta infraestrutura. 

Esta terza feira o PP volveu, máis unha vez, a dicir non a un centro de día para Rianxo. Fíxoo no Parlamento, perante o cal se concentraban un cento de veciños da vila barbanzá, e desbotando argumentos e peticións non só dos tres grupos da oposición parlamentar senón tamén do concello rianxeiro e dos centos de persoas na vila que apoian esta demanda. “Aquí, en Rianxo, nunca gobernou o PP e ao mellor por iso están tan jodidos e non nos dan o centro ” ironiza un dos veciños.

 

Persoas maiores levan máis de dous meses de fechamento na casa do concello de Rianxo, nunha loita impulsada por unha plataforma, agora reconvertida en asociación, que anuncia que non pensa baixar os brazos após a nova negativa da unta ás súas demandas. “Non entendemos a falta de sensibilidade perante este problema”, manifestou María J. Comojo, Cheché, unha das voces e rostros desta loita. “Non entendemos como non dan un centro de día público e si están a dar centros de día privados”.

Rianxo era unha das vilas, como Teo e outras, que tiveron na época do goberno 'bipartito' un compromiso para iniciar os pasos cara a ter centros de día. A chegada de Feijóo ao poder botou polo chan eses proxectos

"Non é un capricho"

 

En Rianxo, de apenas 13.000 habitantes, case 3.000 veciños teñen máis de 65 anos de idade. O centro de día non é un capricho senón unha necesidade, insisten desde a plataforma. A Xunta bota balóns fóra e afirma que hai prazas baleiras en centros de día de concellos próximos, como Boiro, Dodro ou A Pobra do Caramiñal. Explicacións que non convencen aos veciños rianxeiros. Afirman que os maiores, moitos deles dependentes ou con dificultades de mobilidade, terían que soportar viaxes, incluíndo paradas, de hora e media diaria. E lembran que en Rianxo hai demanda deste centro, que estaría ocupado sen problemas.

 

Unha afirmación esta que se dirixe a un PP e unha Xunta que insisten no argumento de que hai prazas libres na contorna. “Hai prazas libres e ao mesmo tempo hai colas de espera longuísimas”, sinalou Comojo, iso evidencia “un erro de xestión extraordinario” por parte da Xunta.

 

A loita da plataforma tivo desde o primeiro minuto o apoio do concello e do alcalde, Adolfo Muiños (BNG), que mesmo puxeron a disposición da Xunta un terreo onde podería ir ubicado o centro de día. En Marea, BNG e PSdeG apoian a reivindicación. “A administración ten que garantir os servizos”, indicou a deputada de En Marea e vicepresidenta segunda do Parlamento Eva Solla. Xosé L. Rivas, Mini, parlamentar do BNG, carga contra a Consellería por “non atender a demanda real” e accúsaa de non ter “vontade política” para atender as demandas da veciñanza. Para Loli Toja (PSdeG), estamos perante unha nova mostra de que a Xunta de Feijóo chega “tarde” ás necesidades dos galegos.  

 

Trasfondo

O que acontece en Rianxo evidencia a política social do goberno de Núñez Feijóo. A vila tiña avanzado co goberno de coligazón de socialistas e nacionalistas a construción dun centro de día, o que pasou ao caixón de incumprimentos coa chegada do PP en 2009 á Xunta. O mesmo pasou noutras vilas e localidades, como Teo, onde a vitoria de Núñez Feijóo supuxo que o centro de día previsto non ía ser realidade.

 

O caso de Teo cobra importancia polo feito de que e toda a comarca de Compostela [por volta de 170.000 habitantes] hai apenas un único centro de día público. o da residencia Volta do Castro [inaugurada no bipartito], con capacidade para unha trintena de persoas.