Co horizonte en 2021

Unha universidade de luxo

Unha universidade privada na Galiza? É moi probábel co proxecto universitario de Abanca no horizonte do curso 2021-2022. Porén, os estudos universitarios privados xa son unha realidade no país desde hai anos, agochados na oferta dos centros adscritos a algunha das tres universidades galegas e cuxos prezos chegan a cuadriplicar, por ano, o das titulacións en facultades públicas.

O secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro, respondendo a unha pregunta da deputada do BNG Olalla Rodil, explicaba o 14 de decembro no Parlamento de Galiza os plans de creación dunha universidade privada na Galiza, promovida polo grupo financeiro Abanca. Sería a primeira universidade privada do país e, segundo o proxecto, buscaría especializarse no ámbito das ciencias sociais e estudos empresariais. Os prazos manexados apuntan a que podería iniciar a súa andaina no horizonte do curso 2021-2022.

 

As reaccións non tardaron en chegar. O sindicato CIG-Ensino denunciaba que “unha universidade privada sería nefasta para os intereses públicos, para o Sistema Universitario Galego e, evidentemente, para a poboación, xa que os servizos públicos son o único garante do acceso universal á educación superior do alumnado galego”. A idea é a mesma que ten Erguer, un dos sindicatos estudantís maioritarios da Galiza, que, en declaracións a Sermos Galiza, indica que este tipo de decisións semella intentar “polarizar o acceso ao ensino de calidade impedindo que as clases populares poidan recibir unha formación que non as condene á precariedade”.

 

En Marea afirma estar “a expensas de saber que títulos vai impartir esta universidade” para que “non faga en ningún caso competencia desleal ás universidades” e apunta que non debe recibir “nin un só euro de diñeiro público”. En declaracións a este medio, o PSdeG advirte de que as informacións dadas até o momento son insuficientes, polo que se remite a analizar “con todo detalle a solicitude” e reitera “o noso respaldo á universidade pública de calidade e ben financiada”.

 

Desde o BNG amosan a súa preocupación, “compartida pola comunidade universitaria” dadas “as distorsións que poida xerar” a universidade privada “no mapa de titulacións” e dadas “as repercusións dunha competencia desleal dunha entidade financeira” fronte á “carencia de recursos económicos e recortes” aos que se enfronta a universidade pública.

 

[A íntegra desta reportaxe aparece no Sermos329, disponíbel na nosa loxa ou nos pontos de venda habituais]