Unha patrulleira da Garda Civil causa a morte a varios migrantes e mente sobre o acontecido

Os axentes --que non seguiron o protocolo oficial durante a intervención-- aseguraran na súa declaración que fora a embarcación na que viaxaban @s migrantes a que chocara contra a patrulleira. Porén, o vídeo gravado polo Sistema Integral de Vixilancia Exterior recolleu en directo as imaxes da colisión. Os axentes da Garda Civil pasan por riba da patera sen reduciren a velocidade causando a morte a parte d@s navegantes d@s cales só se recuperou un cadáver. Vídeo no interior. 

 

En 30 anos nunca antes acontecera nada semellante. Unha patrulleira da Garda Civil colide contra unha patera e morre boa parte da súa tripulación. O accidente --que podería non terse debido a un erro humano-- foi gravado integramente por unha cámara que o SEVI ten instalada na illa de Lanzarote. Nas imaxes, publicadas de maneira exclusiva pola cadena Ser, vese con clareza que a patrulleira se aproxima a grande velocidade á patera até pasar por riba dela. Só sobreviviron 17 persoas das cales, a maior parte xa foron expulsadas do Estado español e deportadas a Marrocos.

Os axentes, que se viron envolvidos no accidente, mentiron na súa declaración inicial ao aseguraren que fora a patera a que colidira coa patrulleira após desenvolver dúas maniobras tildadas polos axentes como "fatais". Porén, o vídeo dos Servizos de Vixilancia desmonta o seu discurso e reflicte con clareza que a Garda Civil incumpriu os protocolos durante a operación, sendo responsabilidade das forzas españolas a morte d@s migrantes. Alén de non dar aviso a Salvamento marítimo até se producir a colisión --ao contrario do procedemento habitual que exixe que sexan estas embarcacións as que se aproximen das pateras para evitaren accidentes--, os axentes non empregaron as zodiac para rescataren @s migrantes que viaxaban na patera, como obriga o procedemento interno da propia Garda Civil.

Os acontecementos producíronse o pasado mes de decembro de 2012. Varias das persoas que sobreviviron ao accidente denunciaran que a Garda Civil chocara contra el@s provocando que vari@s pasaxeir@s desapareceran no acto. Neste senso, aseguraban que a patrulleira @s investira. Após coñecérense as imaxes, fica claro que os axentes mentiron na reconstrución dos feitos. Haberá que agardar para ver se existen responsabilidades penais polo acontecido. 

Vídeo tirado da web da Cadena Ser