Miles marchan en Pontevedra para facer fronte aos ataques do PP á sanidade pública

'En defensa da sanidade pública. Contra a privatización”, Tras esta palabra de orde mobilizáronse en Pontevedra esta quinta feira, desafiando a choiva, milleiros de cidadáns nunha manifestación que partiu da Ferrería e decorreu até a subdelegación do Goberno

Unha multitude tomou, malia choiva, na manifestación de Pontevedra, convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública. Desde hai días viñas realizándose charlas, actos, mesmo caravanas de vehículos e batucadas para concienciar e animar á xente a unha manifestación que os organizadores consideran fulcral para parar o que cualifican de “progresiva privatización e deterioro da sanidade pública galega” por parte do PP. "Contra os recortes e a privatización da sanidade pública e polo Hospital Único de Montecelo" e "A sanidade pública non se vende, deféndese" foron as principais faixas da mobilización.

Na marcha estiveron presentes representantes de concellos, de partidos (agás o PP), sindicatos, colectivos veciñais e sociais...Unha mobilización na que se demandou o Hospital único (defendendo a ampliación de Montecelo), a fin das tesoiradas en sanidade, que se pare a privatización... Na marcha tomaron parte representantes do BNG, PSOE ou AGE.

Cómpre lembrar, aliás, que a marcha estaba apoiada polos alcaldes de Pontevedra, Poio, Vilaboa, Bueu e A Illa de Arousa.

Nin un paso atrás

@s organizadores desta protesta falaban de reunir vinte mil persoas. A falla de cifras definitivas, o certo é que unha maré de milleiros e milleiros de persoas percorreron a cidade do Lérez unidos por un denominador común: A defensa da sanidade pública e o rexeitamento frontal das políticas do PP de recorte nun servizo que, afirman “con estes gobernantes está a deixar de ser público e gratuíto”.

O médico Francisco Sánchez pedira que “todo cidadán consciente debería acudir para amosar que está pola defensa da sanidade pública e o Estado de Benestar”.