Unha maré feminista inunda Compostela en prol dos dereitos das mulleres

O feminismo galego saiu ás rúas da capital galega ao berro de "deixa pasar, son feminista e o mundo vou mudar!". Vídeo no interior

 

Convocadas por ducias de organizacións mais baixo un único lema, as mulleres da Galiza inundaron as rúas da capital do país para denunciaren "a uns gobernos" que "restrinxen e privatizan" acrecentando a desigualdade "inherente neste sistema, quer entre homes e mulleres, quer entre persoas ricas e pobres", aseveraron no manifesto lido ao remate da manifestación que concluíu na praza compostelá de Praterías. 

'Aínda que chove o feminismo non encolle' resoou nunha mobilización pasada por auga

Nun ambiente festivo mais reivindicativo e combatente centos de mulleres reivindicaron os seus dereitos e rexeitaron "a situación de precarización" que as políticas neoliberais implementadas polos gobernos da Galiza e o Estado español están a xeraren, perpetuando os roles patriarcais impostos durante séculos. Ao son da percusión que acompañou a mobilización desde a estación de comboios até o casco vello da cidade, foron moitas as consignas que reclamaban os dereitos das mulleres a súa pluralidade e "as diversas maneiras de ser muller e de existir". 

"A igualdade é un ben de primeira necesidade" sentenza o manifesto da convocatoria, fronte a "uns gobernos abertamente machistas" que permiten a continuidade "do feminicidio" e dos "crimes de odio heteropatriarcais", mais tamén que "recortan en dereitos e liberdades nacionais, lingüísticas, sindicais, laborais" ou "aquelas relativas á saúde sexual e reprodutiva das mulleres". 

As políticas que está a aplicar o goberno da Xunta de Galiza, foron obxecto de denuncia e crítica por parte das asistentes que exixiron os seus dereitos perante o Parlamento ao seu paso ás portas do Pazo do Hórreo. ao berro de  'Rebelión, desobediencia contra a sua violencia'.

A convocatoria denunciou as agresións e involucións nos dereitos das mulleres que están a levar a cabo os gobernos da Galiza e o Estado español 

Arengas á loita e resistencia feminista fronte aos recortes e involucións nos dereitos da metade da poboación foron entoadas polas manifestantes nun percorrido en que a chuvia foi a maior compañeira mais que non impediu que centos de persoas exixisen medidas concretas e recursos públicos suficientes para combater a perda de dereitos laborais, sociais, reprodutivos, sindicais e nacionais en prol dunha "vida sen violencias, en plenitude de dereitos" que calquera persoa ten dereito a gozar. 

Eis o manifesto que acompañou a convocatoria asinada por: Adiante, AMI, Andaina de Mulleres, Anova-IN, Asemblea Aberta de Compostela, Asemblea de Mulleres Agulhoar, Asemblea de Mulleres do Condado, Asemblea de Mulleres do STEG, BNG, Briga, CUT, Feminismos Compostela, Foro Galego de Inmigración, FPG, Isca!, Marcha Mundial das Mulleres, Nós mesmas, NÓS-Unidade Popular, Rede Feminista Galega, Secretaría de Muller da CIG, Secretaría de Mulleres do SLG.