Unha hora menos na Galiza?

Cartaz do filme 'O home mosca', protagonizado por Harold Lloyd

O noso País aforrará un mísero 0,4% co adiantamento da hora que na última fin de semana de marzo se vén producindo cada ano desde 2001. A hora natural galega é a mesma que teñen as illas Canarias, mais tamén Portugal, Inglaterra, Irlanda ou Escocia


Chegou a última fin de semana de marzo, tempo de mover as agullas do reloxo cara adiante, facendo que os sesenta minutos que van das dúas ás tres da madrugada deste domingo non existan. 

O obxectivo é adaptármonos ao horario de verán cunha medida que se aplica en todos os países da Unión Europea de xeito indefinido desde o ano 2001, en virtude dun suposto aforro enerxético que o Instituto para a diversificación e o aforro enerxético cifra en 300 millóns de euros. Porén, Galiza aforra realmente co cambio de hora?

Convencido de que o verdadeiro aforro enerxético chegaría aplicando un fuso horario galego á hora natural do País, a mesma que a de Portugal, Inglaterra, Escocia, Irlanda ou Canarias, o militante do BNG Lito Prado elevou a proposta á asemblea nacional da formación frontista no ano 2006, e foi aprobada por unanimidade. Reclamaba para Galiza unha hora menos que no Estado español.

A hora mudouse en plena ditadura para bailarlle as augas a Hitler

O establecemento do actual sistema para situar os 24 fusos horarios do planeta xurdiu da necesidade de estandarizar a hora civil e a hora solar a finais do século XIX. O enxeñeiro escocés Sanford Fleming foi quen propuxo a idea e, tras varios anos de debate, na Conferencia Internacional do Meridiano (realizada en Washington en 1884) os 25 países asistentes decidiron que o Meridiano Cero, que serviría de base para establecer todas as horas do planeta fose o de Greenwich. Asignóuselle o fuso horario cero e a hora coñécese como GMT ou tempo medio de Greenwich (Greenwich Mean Time, polas súas siglas en inglés), desde a que se suman horas en dirección leste e oeste.
 
Porén, o seu papel de referente durou pouco. Durante a II Guerra Mundial, os países europeos chegaron ao acordo de adoptar a hora alemana, do meridiano de Berlín, é dicir GMT+1. Segundo explica o voceiro daquela emenda da asemblea do BNG, Lito Prado, "Franco modificou o fuso horario de referencia por facer unha aproximación á Alemaña nazi". Desta maneira, o Estado español deixou de ter o horario que lle correspondía segundo a súa posición solar, tendo en conta as decisións tomadas na conferencia de Washington.
 
O decreto do cambio horario decidido polo ditador fíxose de xeito provisional, segundo se dixo naquela altura. Con todo, máis de 70 anos despois seguimos baixo a súa influencia. E isto acontece malia que, recuando até antes do capricho hitleriano, todo o Estado agás Catalunya e as Illes Balears, que si fican atravesadas polo meridiano de Berlín, debería vivir unha hora por detrás. Nomeadamente Galiza. E para isto abonda con ver a súa posición nun mapa. 

O PP tapa os ollos porque ve na proposta "criterios políticos"

A propia Xunta de Galiza recoñece para o noso País un aforro enerxético mínimo, que se sitúa no 0,4% fronte ao 5% do resto do Estado. O militante do BNG que lanzou a proposta de adxudicar un fuso horario acorde coa hora natural galega nega os criterios políticos esgrimidos por outras formacións, nomeadamente polo PP, para rexeitaren tal posibilidade.

No seu día, o cuestionamento do fuso horario galego tivo gran repercusión mediática e o que naquela altura era locutor estrela da Cadena Cope, Federico Jiménez Losantos tachou a Lito Prado de ser "un iluminado que quere romper España". 

Os regulamentos de fusos horarios non adxudican aqueles en función da pertenza a un Estado senón en función da situación xeográfica dun territorio. Así, no Estado español, as illas Canarias teñen unha hora menos porque se atopa atravesada por outro meridiano. Lito Prado exemplifica a situación botando man dun partido de fútbol que se xoga en Barcelona: "aquí é de día cando no Nou Camp é completamente de noite".

O certo é que a formulada naquela asembleia do BNG é unha vella reivindicación ecoloxista que sostén que a hora natural de Galiza reduciría as facturas que apretan o peto d@s galeg@s a final de mes e evitaría, así si, o despilfarro enerxético.